Fotografía
técnica e arte de gravar imaxes fixas e duradeiras sobre unha superficie de material sensible á luz / From Wikipedia, the free encyclopedia
A fotografía é a técnica e arte de gravar imaxes fixas e duradeiras sobre unha superficie de material sensible á luz baseándose no principio da cámara escura. Na cámara escura conséguese proxectar unha imaxe captada por unha lente ou un conxunto de lentes sobre unha superficie, de tal forma que o tamaño da imaxe queda reducido e aumenta a súa nitidez. Para almacenar esta imaxe as cámaras fotográficas utilizaban ata hai algúns anos exclusivamente as películas sensibles, mentres que na actualidade empréganse tamén sensores dixitais.
A palabra fotografía procede do grego e significa "debuxar coa luz" (de photos = luz, e graphis = debuxo).
A fotografía pode ser clasificada baixo a máis ampla denominación de tratamento de imaxes e, debido a isto, fascinou tanto a científicos como a artistas dende os seus inicios. Os científicos, sobre todo, aproveitaron a súa capacidade para plasmar con precisión todo tipo de circunstancias e estudos, tales como os estudos sobre locomoción humana e animal de Eadweard Muybridge (1887). Os artistas tamén foron seducidos por estes aspectos pero trataron sempre de ir máis alá da mera representación foto-mecánica da realidade.
Desde 1991, o día 19 de agosto celébrase o Día Internacional da Fotografía. En tal día do ano 1839 se formalizou a patente do daguerrotipo, o sistema desenvolvido por Louis Daguerre nese mesmo ano e que se considera o precursor da fotografía moderna [1].