Fundación Rosalía de Castro
institución cultural galega / From Wikipedia, the free encyclopedia
A Fundación Rosalía de Castro é unha institución cultural galega, constituída o 15 de novembro de 1947 por Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) no Hotel Compostela de Santiago de Compostela baixo o nome Patronato Rosalía de Castro que se converteu en Fundación Rosalía de Castro nun acto celebrado no Colexio de Fonseca da mesma cidade o 29 de decembro de 1995. Os seus estatutos foron legalizados pola Xunta de Galicia en decembro de 1997 e renovados en 2008 (en vigor desde 2009).
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Fundación Rosalía de Castro | |
---|---|
Fachada da Casa-Museo Rosalía de Castro | |
Tipo | Cultural |
Data de fundación | 15 de novembro de 1947 |
Fundador(es) | Xosé Mosquera Pérez. Outros membros fundadores: Ramón Otero Pedrayo, Manuel Gómez Román, Luís Iglesias Iglesias, Fermín Bouza-Brey, Paulino Pedret, Felipe Cordero Carrete, Aquilino Iglesia Alvariño, Manuel Beiras, Xaime Isla Couto, Antón Fraguas, Agustín Sixto Seco e Xesús Ferro Couselo |
Nomeado en referencia a | Rosalía de Castro |
Presidente/a | Anxo Angueira (-) |
Sede | Padrón |
Enderezo | A Matanza, s/n. 15917 |
País | Galicia |
Na rede | |
https://rosalia.gal/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
En 2015 réxese por unha Presidencia elixida polo Padroado entre os seus membros. O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación e está composto por quince membros institucionais e por personalidades da cultura que teñan especial vínculo coa obra de Rosalía de Castro. O Padroado designa un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un Tesoureiro de entre os seus membros. Designará tamén unha Comisión Executiva que se compón pola Presidencia, pola Vicepresidencia, pola Secretaría, pola Tesouraría e por catro vogalías (sendo unha delas a Dirección do Centro de Estudos Rosalianos) cuxas funcións son: a xestión ordinaria dos asuntos da Fundación, a adopción de Acordos por razón de urxencia dando ulterior conta ao Padroado e as funcións que este delegue.
Nos seus 67 anos de historia contou con nove presidentes que foron —cronoloxicamente citados—: Luís Iglesias Iglesias, Juan Gil Armada, Xosé Mosquera Pérez, Octavio Sanmartín Domínguez, Agustín Sixto Seco, Carlos Baliñas Fernández (en funcións tras a morte de Sixto Seco), Helena Villar Janeiro, Ana Blanco Gómez (durante dous meses tras a dimisión de Villar Janeiro) e Anxo Angueira, que a dirixe a maio de 2015.
Este organismo naceu coa vontade de restaurar a casa na que vivira Rosalía de Castro nos seus derradeiros anos e de a converter nunha casa museo (e sostela posteriormente), coidar do Panteón de Galegos Ilustres e difundir e promover a cultura galega.
Entre as súas finalidades están: fomentar o coñecemento e a conservación da memoria de Rosalía, de Manuel Murguía e dos seus fillos; a promoción do estudo, da edición e da divulgación da vida e obra de Rosalía, da Galicia do seu tempo e da súa influencia posterior; conservar o conxunto da Casa-Museo de Rosalía, conservar e incrementar o patrimonio rosaliano (mobles, pertenzas, recordos persoais de Rosalía etc.) dispoñéndoo do mellor xeito para que poida ser contemplado e estudado, coidar do Mausoleo de Rosalía sito no Panteón de Galegos Ilustres (Igrexa de San Domingos de Bonaval en Santiago) e máis da campa que albergou antes o seu corpo no cemiterio de Adina en Iria Flavia (Padrón, A Coruña); celebrar actos, cando menos, nas dúas datas rosalianas (24 de febreiro e 15 de xullo) ademais da celebración da Misa Votiva do 25 de xullo —acto que se viña celebrando desde 1932 e desde 1969 en lingua galega converténdose no único acto público en que se consentían o galego, as reivindicacións galeguistas e a presenza de políticos disidentes durante a ditadura franquista— e da Ofrenda Floral no Panteón de Galegos Ilustres ante a tumba da poetisa e fomentar e difundir a lingua e a cultura galegas[1].
No ano 2015 estaba representada no Pleno do Consello da Cultura Galega e na Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE).
Ten a súa sede na Casa da Matanza (antigamente coñecida como Horta da Paz[2]), en Padrón (A Coruña).