Fungo (bioloxía)
reino dos organismos eucariotas / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os fungos[1] son un vasto grupo de organismos heterotróficos clasificados como un reino pertencente ao Dominio Eukaryota. Están incluídos neste grupo organismos de dimensións considerables, como os cogomelos, mais tamén moitos microorganismos, como mofos e lévedos. A pesar de seren tamén sapótrofos, como as plantas, animais e bacterias, os fungos son clasificados nun reino, Fungi, separado destes.
Fungos ou Fungi | |||||
---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||
| |||||
Subkingdoms/Phyla/Subphyla | |||||
Dikarya (inc. Deuteromycota)
Subphyla Incertae sedis
|
Unha gran diferenza é o feito de que as células dos fungos teñen paredes celulares que conteñen quitina e glucanos, ao contrario das células vexetais, que conteñen celulosa. Estas e outras diferenzas mostran que os fungos forman un só grupo de organismos relacionados entre si, denominado Eumycota (fungos verdadeiros ou Eumycetes), e que comparten un antepasado común (un grupo monofilético). Este grupo de fungos é distinto dos estruturalmente similares Myxomycetes (agora clasificados en Myxogastria) e Oomicetos. A disciplina da bioloxía dedicada ao estudo dos fungos é a micoloxía, moitas veces vista como unha rama da botánica, mesmo a pesar de que os estudos xenéticos teñen mostrado que os fungos están máis próximos aos animais que ás plantas.
Abundantes en todo o mundo, a maioría dos fungos son pouco rechamantes debido ao pequeno tamaño das súas estruturas, e polos seus modos de vida crípticos no solo; na materia morta; simbióticos como na gran maioría das plantas vasculares que teñen fungos a nivel da raíz (microrrizas) que axudan ás raíces na absorción de auga e nutrientes; parasitos de plantas, causando doenzas como o apodrecemento de troncos e aumentando o risco de caída das árbores; parasitos de animais, incluíndo humanos, outros mamíferos, paxaros e insectos, con resultados desde unha suave infección até a morte; e parasitos doutros fungos. Poden facerse notar cando frutifican, sexa como cogomelos ou como mofos. Os fungos desempeñan un papel esencial na descomposición da materia orgánica e teñen papeis fundamentais nos trocos e ciclos de nutrientes. Son utilizados desde hai moito tempo como unha fonte directa de alimentación, como no caso dos cogomelos (Shiitake, Champiñón común, Champiñón, Maitake...) e trufas, como axentes fermentativos no pan, e na fermentación de varios produtos alimentarios, como o viño, a cervexa, e o mollo de soia. Desde a década de 1940, os fungos úsanse na produción de antibióticos e, máis recentemente, varias enzimas producidas por fungos úsanse industrialmente en deterxentes. Son usados tamén como axentes biolóxicos no control das malas herbas e pragas agrícolas. Moitas especies producen compostos bioactivos chamados micotoxinas, como alcaloides e policétidos, que son tóxicos para animais e humanos. As estruturas frutíferas dalgunhas especies conteñen compostos psicótropos, polo que son consumidas de xeito recreativo ou en cerimonias espirituais tradicionais. Os fungos poden descompoñer materiais artificiais e construcións, e tornarse patoxénos para animais e humanos. Algúns fungos son extremadamente velenosos. As perdas nas colleitas debidas a doenzas causadas por fungos, ou a deterioración de alimentos poden ter un impacto significativo no fornecemento de alimentos e nas economías locais.
O reino dos fungos abrangue unha enorme diversidade e taxons, con ecoloxías, estratexias de ciclos de vida e morfoloxías variadas, que van desde os quitrídios acuáticos unicelulares aos grandes cogomelos. Con todo, pouco se sabe da verdadeira biodiversidade do reino Fungi, que se estima inclúe 1,5 millóns de especies, con apenas cerca de 5% destas formalmente clasificadas. Desde os traballos taxonómicos pioneiros dos séculos XVII e XVIII efectuados por Carl von Linné, Christiaan Hendrik Persoon, e Elias Magnus Fries, os fungos son clasificados segundo a súa morfoloxía (i.e. características como a cor do espora ou características microscópicas) ou segundo a súa fisioloxía. Os avances na xenética molecular abriron o camiño para a inclusión da análise do ADN na taxonomía, e permitiron comparar características bioquímicas, como o ARN ribosómico e o ADN. Estudos filoxenéticos publicados nas últimas décadas axudaron a modificar a clasificación do reino Fungi, baseándose principalmente nas características das súas estruturas sexuais reprodutoras. A filoxenia actual clasifica o reino Fungi nun subreino, sete filos (Microsporidia, Chytridiomycota, Blastocladiomycota, Neocallimastigomycota, Glomeromycota, Ascomycota, e Basidiomycota[2]) e dez subfilos.