Foise co vento
Filme de 1939 dirixido por Victor Fleming / From Wikipedia, the free encyclopedia
Foise co vento (en inglés: Gone with the Wind) é un filme estadounidense de 1939 dirixido por Victor Fleming. É un filme de xénero épico, histórico e romántico adaptado da novela homónima de 1936 escrita por Margaret Mitchell. Foi producido por David O. Selznick de Selznick International Pictures. Ambientado no sur dos Estados Unidos no contexto da guerra civil estadounidense e na era da reconstrución, o filme conta a historia de Scarlett O'Hara, a decidida filla do propietario dunha plantación de Xeorxia. Scarlett está namorada de Ashley Wilkes, quen está casado coa súa curmá, Melanie Hamilton, e conta o seu posterior casamento con Rhett Butler. Está protagonizado por Vivien Leigh (Scarlett), Clark Gable (Rhett), Leslie Howard (Ashley) e Olivia de Havilland (Melanie).
Foise co vento | |
---|---|
Póster da preestrea. | |
Ficha técnica | |
Título orixinal | Gone with the Wind |
Director | Victor Fleming George Cukor (sen acreditar) Sam Wood (sen acreditar) |
Produtor | David O. Selznick |
Guión | Sidney Howard Oliver H.P. Garrett (sen acreditar) Ben Hecht (sen acreditar) Barbara Keon (sen acreditar) Jo Swerling (sen acreditar) |
Baseado en | Gone with the Wind de Margaret Mitchell |
Intérpretes | Clark Gable Vivien Leigh Leslie Howard Olivia de Havilland |
Música | Max Steiner |
Fotografía | Ernest Haller Lee Garmes (sen acreditar) |
Montaxe | Hal C. Kern James E. Newcom |
Estudio | Selznick International Pictures Metro-Goldwyn-Mayer |
Distribuidora | Loews Cineplex Entertainment[1] |
Estrea | 15 de decembro de 1939 25 de xullo de 1986 (TVE) 24 de xuño de 2006 (TVG) |
Duración | 220 minutos 234-238 minutos (coa abertura, entreacto e créditos) |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Drama |
Orzamento | 3 850 000 dólares |
Recadación | 390 000 000 dólares |
Na rede | |
https://www.warnerbros.com/movies/gone-wind | |
A produción foi difícil dende o comezo. A rodaxe atrasouse dous anos por mor da determinación de Selznick de asegurar a Gable para o papel de Rhett Butler, e a "procura de Scarlett" levou a 1 400 mulleres a seren entrevistadas para o papel. O guión orixinal foi escrito por Sidney Howard e sufriu moitas revisións de varios guionistas nun intento de reducilo a unha lonxitude axeitada. O director orixinal, George Cukor, foi despedido pouco despois de que comezase a filmación e foi substituído por Fleming, quen á súa vez foi substituído brevemente por Sam Wood mentres Fleming tomaba algo de tempo libre para recuperarse do esgotamento.
O filme recibiu valoracións positivas dende a súa estrea en 1939, aínda que algúns críticos considerárono longo de máis. O elenco foi amplamente eloxiado e moitos críticos encontraron a Leigh especialmente axeitada para o seu papel de Scarlett. Na 12ª edición dos Óscar, recibiu dez premios (oito en competición e dous honoríficos) de trece nomeamentos, incluíndo os premios de mellor filme, mellor director (Fleming), mellor guión adaptado (outorgado de maneira póstuma a Sidney Howard), mellor actriz (Leigh) e mellor actriz secundaria (Hattie McDaniel, a primeira afroamericana en gañar un Premio Óscar). Na súa época, estabeleceu récords para o número total de premios e nomeamentos.
Foise co vento gozou dunha gran popularidade cando foi estreado. Converteuse no filme con maiores ganancias realizado até daquela, e mantivo o récord durante máis dun cuarto de século. Cando a súa recadación se axusta á inflación monetaria, aínda é o filme con maior recadación da historia do cinema. Volveuse a estrear de maneira periódica ao longo do século XX e conseguiu un fondo arraigo na cultura popular. Aínda que o filme foi criticada como un exemplo de negacionismo histórico que glorifica a escravitude, tamén se lle atribúe o mérito de ter mudado a maneira na que os afroamericanos eran representados cinematograficamente. É considerado como un dos mellores filmes da historia, situándose entre os dez primeiros postos da lista das mellores películas estadounidenses segundo o American Film Institute. En 1989, a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América escolleuno para a súa preservación no National Film Registry.
Estreouse en galego na Televisión Española o 25 de xullo de 1986. Unha nova versión en galego foi emitida por primeira vez na TVG o 24 de xuño de 2006.[2]