Evento da grande oxidación
From Wikipedia, the free encyclopedia
O evento da grande oxidación (EGC ou, en inglés, GOE), tamén chamado evento da grande oxixenación, grande oxidación, catástrofe do oxíxeno, crise do oxíxeno e Revolución do Oxíxeno, foi a aparición do oxíxeno (dioxíxeno, O2) na atmosfera terrestre inducida bioloxicamente.[2] Dese modo a atmosfera terrestre fíxose rica en oxíxeno, cousa que anteriormente non era. Aínda que as evidencias xeolóxicas, isotópicas, e químicas indican que este gran cambio ambiental ocorreu hai arredor de 2.300 millóns de anos (2,3 Ga ou xigaanos),[3] as súas causas reais e a súa datación exacta son moi discutidas na comunidade científica.[4] Argumentouse que as probas xeoquímicas e de biomarcadores das que dispoñemos actualmente sobre o desenvolvemento da fotosíntese oxixénica antes do evento da grande oxidación non son concluíntes.[5]
Crese que as cianobacterias oceánicas orixinaron formas coloniais multicelulares cun crecemento parecido ao das algas hai máis de 2.003 millóns de anos (aproximadamente 200 millóns de anos antes do evento da grande oxixenación),[4][6] converténdose nos primeiros microbios que producían oxíxeno por fotosíntese que se acumlaba na atmosfera.[7] Antes dese evento, todo o oxíxeno libre que producían era capturado quimicamente polo ferro disolto ou a materia orgánica. O evento da grande oxixenación foi o momento en que estes sumidoiros de oxíxeno quedaron saturados e non podían xa capturar todo o oxíxeno se producía pola fotosíntese das cianobacterias. Despois do evento, o exceso de oxíxeno libre empezou a acumularse na atmosfera.
O incremento na produción de oxíxeno rompeu o equilibrio ata entón existente na atmosfera terrestre.[8] O oxíxeno libre é tóxico para os organismos anaerobios obrigados, e o aumento da súa concentración puido causar a eliminación da maioría dos seres vivos anaeróbicos que habitaban na Terra naquel momento. As cianobacterias foron, pois, as responsables dun dos máis significativos eventos de extinción na historia da Terra. Ademais das cianobacterias mariñas, hai tamén probas de que había cianobacterias que vivían en terra.
Un aumento no cromo contido en depósitos de rochas antigos indica que estas rochas, formadas baixo a auga, acumularan cromo que fora arrastrado polos ríos ata o mar. O estudo destes depósitos é interesante porque o cromo non se disolve doadamente e a súa liberación precisaría a presenza dun ácido forte. Un deses ácidos é o ácido sulfúrico, que se xeraría por causa de reaccións bacterianas coa pirita.[9] Aínda que as cianobacterias se consideran responsables do Evento da grande oxixenación, non son os únicos organismos daqueles tempos capaces de liberar oxíxeno. Os tapetes microbianos de microbios produtores de oxíxeno producen unha fina capa de só un ou dous milímetrso de grosor, de auga oxixenada nun ambiente que polo demais era anóxico incluso baixo unha grosa capa de xeo, e antes de que o oxíxeno empezase acumularse na atmosfera, os organismos que vivían neses tapetes estarían xa adaptados á exposición ao oxíxeno.[10] Adicionalmente, o oxíxeno libre reaccionaría co metano atmosférico, un gas de efecto invernadoiro, reducindo moito a súa concentración e desencadeando a glaciación Huroniana, posiblemente o episodio máis longo de Terra bóla de neve na historia da Terra.[11]
Finalmente, evolucionaron os organismos aerobios consumindo o oxíxeno e establecendo un equilibrio na súa dispoñibilidade. O oxíxeno libre foi un importante constituínte da atmosfera desde entón.[11]