Metano atmosférico
From Wikipedia, the free encyclopedia
O metano atmosférico é o gas metano presente na atmosfera terrestre. As concentracións que alcanza o metano atmosférico son de grande interese debido ao impacto que este gas ten no cambio climático, xa que é un dos gases de efecto invernadoiro máis potentes da atmosfera. O potencial de quecemento global en 100 anos do metano é 29,[1] é dicir, nun período de 100 anos, captura 29 veces máis calor por unidade de masa que o dióxido de carbono e 32 veces máis que o efecto que teñen as interaccións dos aerosois[2] (a cifra exacta varía segundo a estimación consultada). Os nives de metano globais chegaron a 1800 partes por billón (ppb) en 2011, un incremento 2,5 veces maior que o que había na era preindustrial (722 ppb), o que representa o valor máximo desde hai polo menos 800.000 anos.[3] As súas concentracións son maiores no hemisferio norte porque as maiores fontes de emisión (naturais e humanas) están localizadas en terra, e ese hemisferio ten máis superficie continental. As concentracións varían estacionalmente cun mínimo ao final do verán, principalmente debido á eliminación de metano producida por reaccións co radical hidroxilo.
- Véxase tamén: Metano.
Aos inicios da historia da Terra, aproximadamente hai uns 3,5 miles de millóns de anos, había 1.000 veces máis metano na atmosfera terrestre que o que hai agora, que era liberado á atmosfera pola actividade volcánica. Durante este tempo, apareceron as primeiras formas de vida sobre a Terra. Estas primeiras bacterias primitivas que apareceron fixeron aumentar a concentración de metano ao converteren o hidróxeno e o dióxido de carbono en metano e auga. O oxíxeno non supuxo unha proporción importante da atmosfera ata que evolucionaron os organismos fotosintéticos en etapas posteriores. Sen oxíxeno, o metano permanecía na atmosfera durante máis tempo e acadaba maiores concentracións que as actuais.
O metano orixínase preto da superficie, e é transportado á estratosfera polo aire ascendente dos trópicos. As acumulacións incontroladas de metano na atmosfera terrestre son controladas de forma natural (aínda que a influencia humana pode alterar esta regulación natural) por medio da reacción do metano con radicais hidroxilo formados a partir de átomos de oxíxeno singulete e con vapor de auga.