Hebreos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os hebreos (do latín Hebraei e do grego antigo Hebraioi [Ἑϐραῖοι], e ambos á súa vez do hebreo ‘Ivrīm [עברים]) son un antigo pobo semita do Levante mediterráneo (Próximo Oriente) establecidos no ano 616 a. C, tamén son devanceiros dos israelitas e do pobo xudeu.[2]
Este artigo amosa escritos hebraicos. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
A tradicional fonte de referencia para os hebreos é a Biblia, cuxo contido tamén se atopa nas escrituras hebreas da Tora. Segundo estas fontes os hebreos constitúen o grupo monoteísta inicial, que é descendente dos patriarcas posdiluvianos Abraham, Isaac e Xacob.
Segundo a Biblia e as tradicións hebraicas (orais e escritas), os hebreos foron orixinarios de Mesopotamia. Eran nómades, vivían en tendas, posuían rabaños de cabras e ovellas, utilizando asnos, mulas e camelos como portadores. Seguindo a Abraham, os hebreos emigraron cara a Canaán, a terra prometida por Deus aos descendentes do primeiro patriarca. Varias táboas descubertas en Mari certifican frecuentes migracións a través do Crecente Fértil.
Abraham é considerado o primeiro hebreo por deixar o seu Caldea natal, e atravesar "do outro lado do río" Éufrates. O patriarca e os seus asíntanse en Canaán: en Siquem (actual Nablus), Beerseba ou Hebrón. Aos poucos, mestúranse cos poboadores locais e convértense en agricultores sedentarios. O pobo de Israel era veciño doutros, como os edomitas, moabitas, amonitas e ismaelitas. O trazo distintivo dos hebreos foi a súa convicción na existencia dun único Deus (Yavé). Segundo os textos do Tanak, o pobo de Israel é elixido por Deus para a revelación de principios fundamentais (tales como o Dez Mandamentos contidos na Tora) e é co primeiro patriarca do pobo hebreo que Deus establece a súa Alianza ou Pacto, tamén coñecido como Convenio Abrahámico:
«Vaite da túa terra, da túa patria, do teu clan, á terra que eu che mostrarei.
Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome de sona, que será exemplo de bendición.
Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga.
Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome.»Xénese 12:1-3[4]
Na Biblia, Israel é o nome nacional dos hebreos. Inicialmente e na súa condición tribal, os hebreos non posuían un nome que os distinguise historicamente como grupo. O cambio do nome do terceiro patriarca, quen de "Xacob" pasa a chamarse "Israel" (Xénese 32:24 e 32:28[5]) é reflexo o feito histórico coñecido como unión das tribos hebreas iniciais e do seu triunfo sobre os cananeos.[6] Ou, dito doutro xeito, "hebreos" eran antes da conquista da terra de Canaán e "israelitas" chamarallos a partir de devandito acontecemento (século VI a.C.).[7]
Na actualidade, "hebreo" emprégase para designar a todo aquel que sexa membro ou descendente do pobo de Abraham, Isaac, e Xacob.[8] Hebreo é hoxe ademais sinónimo de israelita e xudeu.[9]
Nalgúns idiomas modernos, entre eles o grego, italiano, romanés e moitas linguas eslavas, "hebreos" é empregado como etnónimo estándar de xudeus.