Historia dos animais
texto sobre bioloxía de Aristóteles / From Wikipedia, the free encyclopedia
Historia dos animais (en grego Τῶν περὶ τὰ ζῷα ἱστοριῶν, Ton peri ta zoia historion, "Investigacións sobre os animais"; en latín Historia animālium, "Historia dos animais") é un dos principais textos de bioloxía do filósofo da Grecia Antiga Aristóteles, que estudara na Academia platónica de Atenas. Foi escrito no século IV a. C.. Aristóteles morreu no 322 a. C.
O libro é considerado xeralmente un traballo pioneiro de zooloxía. Aristóteles estrutura o texto explicando que está investigando o que (os feitos existentes sobre os animais) antes de establecer o por que (as causas destas características). Deste modo, o libro é un intento de aplicar a filosofía a parte do mundo natural. Ao longo da obra, Aristóteles busca identificar as diferenzas, tanto entre individuos coma entre grupos. Un grupo establécese cando se observa que todos os seus membros teñen o mesmo conxunto de características distinguibles; por exemplo, que todas as aves teñen plumas, ás e peteiros. Esta relación entre as aves e as súas características e é recoñecida como un universal.
A Historia dos animais contén moitas observacións presenciais exactas, en especial da bioloxía mariña arredor da illa de Lesbos, como a de que os polbos tiñan a capacidade de cambiar de cor e un tentáculo que transfire esperma, ou que as crías do tiburón Mustelus canis crecían dentro do corpo da nai, ou que o macho do siluro de río Silurus aristotelis garda os ovos unha vez que a femia se vai. Algunhas destas foron consideradas durante longo tempo fantasiosas antes de ser redescubertas no século XIX. Aristóteles foi acusado de cometer erros, pero algúns son malas interpretacións do seu texto, e outras podían estar baseadas en xenuínas observacións. Porén, fixo un uso pouco crítico de evidencias achegadas por outras persoas, como viaxeiros e apicultores.
A Historia dos animais tivo unha poderosa influencia en zooloxía durante uns dous mil anos. Continuou sendo a fonte primaria de coñecemento ata que no século XVI os zoólogos, como Conrad Gessner, todos eles influídos por Aristóteles, escribiron os seus estudos sobre esta materia. O propio Gessner escribiu unha obra de cinco volumes titulada tamén Historia animalium, que non se debe confundir coa obra de Aristóteles.