Homeopatía
sistema pseudocientífico de medicina alternativa / From Wikipedia, the free encyclopedia
A homeopatía é un sistema pseudocientífico[1][2][3][4] de medicina alternativa. Foi concibida en 1796 polo médico alemán Samuel Hahnemann. Os seus practicantes, chamados homeópatas, cren que unha substancia que causa síntomas iguais aos dunha enfermidade en persoas sas pode curar síntomas similares en persoas doentes; esta doutrina, nunca demostrada de modo xeral, denomínase similia similibus curentur, ou "o similar cura o similar".[5] As preparacións homeopáticas denomínanse remedios e elabóranse utilizando as dilucións homeopáticas. Neste proceso, a substancia seleccionada é diluída repetidamente ata que a miúdo o produto final é quimicamente indistinguible do disolvente. Con moitas desas grandes dilucións non se pode esperar que quede nin unha soa molécula da substancia orixinal no produto final.[6] Entre cada dilución os homeópatas poden golpear ou sacudir o produto, afirmando que o disolvente lembra a substancia orixinal despois da súa eliminación (ver memoria da auga). Os practicantes desta medicina afirman que ditas preparacións, tomadas por vía oral, poden tratar ou curar doenzas.[7]
Todos os coñecementos científicos relevantes sobre física, química, bioquímica e bioloxía[8][9][10][11][12][13] adquiridos desde polo menos a metade do século XIX[14] contradín a homeopatía. Os remedios homeopáticos son bioquimicamente inertes e non teñen efecto sobre ningunha enfermidade coñecida.[8][15][16] A teoría da enfermidade de Hahnemann, construída sobre principios que el denominaba miasmas, é inconsistente coa identificación en tempos posteriores dos virus e bacterias como frecuente causa das enfermidades. Os ensaios clínicos realizados demostraron de forma xeral que as preparacións homeopáticas non teñen ningún efecto obxectivo.[17][18][19]:206[20] A inverosimilitude fundamental da homeopatía, así como a súa falta de efectividade demostrada fixo que fose considerada dentro das comunidades médica e científica como un curandeirismo e fraude.[3][21][22]
A homeopatía acadou a súa maior popularidade no século XIX. Ao longo do século XIX, apareceron ducias de institucións homeópatas en Europa e nos Estados Unidos de América. Por exemplo, nos EUA foi introducida en 1825 e a primeira escola homeópata abriu en 1835. Durante este período a homeopatía tiña a aparencia de ter un relativo éxito, xa que outras formas de tratamento podían ser daniñas e ineficaces. Ao final dese século a súa práctica empezou a declinar, e a última escola exclusivamente homeopática dos Estados Unidos pechou en 1920.
Na década de 1970, a homeopatía regresou de forma significativa, e as vendas de produtos homeopáticos multiplicáronse por 10. Esta tendencia correspóndese co movemento da Nova Era, e pode en parte deberse a unha preferencia ás veces pouco crítica polos produtos "naturais", e tamén ao longo tempo de consulta cos pacientes que realizan os médicos homeopáticos, que psicoloxicamente fan sentirse ao paciente mellor atendido e máis escoitado.
No século XXI realizáronse unha serie de metaanálises que indicaban que as afirmacións da homeopatía carecen de xustificación científica. Como resultado, corpos e institucións nacionais e internacionais recomendaron a retirada de financiamento gobernamental para a homeopatía no campo sanitario. Os corpos nacionais de Australia, Reino Unido, Suíza e Francia, e o Consello Asesor Científico das Academias Europeas e a Academia de Ciencias de Rusia chegaron á conclusión de que a homeopatía non é efectiva e fixeron recomendacións en contra de que esta práctica recibise ningún financiacmento público futuro.[23][24][25][26] O Servizo Nacional de Saúde de Inglaterra xa non proporciona financiamento para os remedios homeopáticos e pediu ao Departamento e Saúde e Seguridade Social que engada os remedios homeopáticos á lista de medicinas de prescrición prohibida.[27][28][29] Francia modificou e retirou o seu anterior financiamento en 2021,[30][31] mentres que en España anunciáronse iniciativas para prohibir a homeopatía e outras pseudoterapias nos centros de saúde.[32]