Macizo tectónico
carcterística tectónica / From Wikipedia, the free encyclopedia
En xeoloxía e xeografía física un macizo tectónico[1], tamén chamado horst, é un bloque elevado limitado por fallas normais.[2] Un macizo tectónico é un bloque da codia terrestre que foi elevado ou permaneceu estacionario mentres que o terreo que ten a ambos os lados foi afundido (formando unha fosa tectónica ou graben).[3] A palabra horst en alemán significa montón e procede da linguaxe dos mineiros alemáns de Alta Saxonia, que a utilizaban para describir certas elevacións do terreo ou certas fallas.
Moitas serras galegas actuais son macizos tectónicos que foron elevados como resultado das forzas da oroxenia alpina, que reactivaron as antigas fallas tardihercínicas que actuaron sobre as montañas galegas hercinianas. As montañas hercinianas galegas paleozoicas orixinais eran montañas de dobramento, pero foran moi erosionadas durante todo o Mesozoico e a xeración dos macizos tectónicos reactivou o relevo. En Francia os Vosgos e en Alemaña as montañas da Selva Negra son tamén exemplos de macizos tectónicos.[3]