Indutor (bioloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
En bioloxía molecular e xenética denomínase indutor a unha molécula que fai que se inicie a expresión xénica. Un indutor pode unirse a outras moléculas que funcionan como represores ou activadores.
Os indutores funcionan desactivando os represores. O xene afectado exprésase porque o indutor se une ao represor. Nas bacterias a unión do indutor co represor impide que o represor se una a unha rexión do ADN chamada operador, que forma parte dun operón bacteriano (ver "Exemplos" máis abaixo). A ARN polimerase pode despois empezar a transcribir os xenes do operón.
Os indutores tamén poden funcionar uníndose a activadores. Os activadores xeralmente se unen con pouca afinidade ás secuencias activadoras do ADN a non ser que estea presente un indutor. O activador únese a un indutor e o complexo únese á secuencia de activación e activa os xenes obxectivo.[1] A eliminación do indutor detén a transcrición.[1]
O incremento da expresión xénica do xene obxectivo denomínase en bioloxía molecular e xenética indución, porque para que se produza requírese unha molécula que funcione como indutor.[1] O operón da lactosa é un exemplo de sistema inducible nas bacterias.[1] O concepto xenético da indución nos operóns bacterianos foi estudado en detalle por François Jacob e Jacques Monod en 1961.[2]