Indíxena
From Wikipedia, the free encyclopedia
Indíxena é un termo que, en sentido amplo, se aplica a todo aquilo que sexa relativo a unha poboación orixinaria do territorio que habita,[1] cuxo establecemento no mesmo precede ao doutros pobos ou cuxa presenza sexa o suficientemente prolongada e estable como para tela por oriúnda (é dicir, orixinario dun lugar).[2]. Co mesmo sentido utilízase, con maior frecuencia, o termo equivalente nativo, presente en expresións como "idioma nativo". Tamén é habitual utilizar termos como pobos orixinarios, nacións nativas ou aborixes.[3]
En sentido estrito e máis habitualmente, aplícase a denominación indíxenas ás etnias que preservan as culturas tradicionais non europeas. Con este alcance, denomínase indíxenas aos grupos humanos que presentan características tales como:
- pertencer a tradicións organizativas anteriores á aparición do estado moderno,
- pertencer a culturas que sobreviviron a expansión planetaria da civilización europea.
Hai que facer notar que este tipo de clasificación é para separar aos pobos que non teñen ascendencia Europea. Con todo, os saami poñen en entre dito o concepto do indíxena para o continente europeo por ser un pobo que ten as mesmas características tribais doutros pobos primitivos do mundo.[4]
Os indíxenas frecuentemente constitúen unha minoría (aínda que nalgúns casos son maioría), dentro de estados nacionais de corte europeo, organizados segundo pautas culturais, relixiosas, políticas, económicas, raciais etc., propias dunha contorna maioritariamente europeizada. Deste xeito, no sentido máis restrinxido e utilizado do termo, «o indíxena» fai referencia a un remanente pre-europeo que representa en si mesmo unha antítese da cultura europea.
Seguindo este uso, non é infrecuente falar de pobos indíxenas en distintas partes do mundo. Por exemplo, adoita considerarse que os maorís son un pobo indíxena de Nova Zelandia. Tamén pode falarse de indíxenas en Borneo, en África e noutros lugares.
Con todo, as poboacións nativas de Australia, aínda sendo tamén indíxenas, coñécense baixo a denominación distintiva de aborixes.
Outros pobos que manteñen fortes pautas culturais previas á expansión mundial europea, como os chinéses, hindús, xaponeses, persas, árabes, xudeus, exipcios etc. non adoitan incluírse no termo «indíxena» en sentido estrito.
Cun sentido máis restrinxido aínda, aplícase usualmente o termo «indíxena» aos indíxenas americanos, tamén chamados «amerindios», «indios», «nativos americanos», «pobos orixinarios» ou «primeiras nacións».No Canadá os indíxenas adoptaron a denominación de «primeiras nacións» («first nations») denominando á organización indíxena máis representativa do país como Asemblea das Primeiras Nacións.[5]
Os pobos indíxenas organizáronse en movementos e asociacións co obxectivo de defender e promover os dereitos dos indíxenas en todo o mundo.