Inflamación
From Wikipedia, the free encyclopedia
A inflamación (do latín inflammatio: acender, facer lume) é a forma de manifestarse de moitas doenzas, que consiste nunha resposta inespecífica fronte ás agresións do medio (patóxenos, irritantes, células danadas[1]), e está xerada polos axentes inflamatorios. A resposta inflamatoria ocorre só en tecidos conectivos vascularizados e xorde coa finalidade defensiva de illar e destruír o axente daniño, e para reparar o tecido ou órgano danado. Considérase un mecanismo de inmunidade innata, estereotipado, en contraste coa reacción inmune adaptativa, específica para cada tipo de axente infeccioso.[2] Os signos clásicos da inflamación aguda son dor, calor, rubor, inchamento e perda de función.
Inflamación non é sinónimo de infección, porque poden darse inflamacións sen infección, e mesmo nos casos en que a inflamación está causada por unha infección, a infección é causada por un microorganismo, pero a inflamación é simplemente unha das respostas do organismo ante os patóxenos.
Unha inflamación prolongada pode destruír os tecidos, e a destrución progresiva dos tecidos comprometería a supervivencia do organismo. Porén, a inflamación crónica pode tamén orixinarse por enfermidades propias do organismo hóspede como por exemplo a febre do feo (en alérxicos), aterosclerose, artrite reumatoide, e mesmo cancro (por exemplo, carcinoma de vesícula biliar). Por isto a inflamación está normalmente moi regulada polo corpo.
A inflamación pode clasificarse en aguda e crónica. A inflamación aguda é a resposta inicial do corpo a estímulos daniños e orixínase polo aumento do movemento de plasma sanguíneo e leucocitos (especialmente granulocitos) desde o sangue cara aos tecidos danados. Propágase unha cascada de eventos bioquímicos que madura a resposta inflamatoria, a cal implica ao sistema vascular local, o sistema inmune, e varias células nos tecidos lesionados. A inflamación prolongada, coñecida como inflamación crónica, causa un cambio progresivo no tipo de células presentes no sitio da inflamación e caracterízase pola destrución simultánea e curación do tecido debido ao proceso inflamatorio. O maior probema que pode darse na inflamación é que a defensa se dirixa tanto cara aos axentes daniños coma aos non daniños, de maneira que provoque lesións en tecidos ou órganos sans.
A inflamación identifícase xeralmente en medicina co sufixo -ite (farinxite, larinxite, colite, conxuntivite...).