Interdisciplinariedade
From Wikipedia, the free encyclopedia
A interdisciplinariedade expresa a cualidade de ser "interdisciplinario" ou "interdisciplinar", e ten como concepto o común a dúas ou máis disciplinas científicas, técnicas, artísticas ou educativas. O concepto foi obxecto de debate e de estudo desde os primeiros anos do século XX [1] atribuíndose a súa invención ao sociólogo Louis Wirth. Foi popularizado por Jean Piaget na súa clasificación das relacións entre disciplinas na súa obra "L´equilibration des structures cognitives: Problème central du développement " distinguindo tamén multidisciplinariedade, pluridisciplinariedade e transdisciplinariedade, termos longamente debatidos durante todo o século XX, e popularizados nos anos 70s.
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Co tempo, o propio desenvolvemento científico-técnico levou á aparición gradual de numerosas ramas do coñecemento. En xeral, comezaron a aparecer especialistas que non o eran noutras áreas, o que fixo preciso un esforzo para unir situacións e aspectos que a propia práctica científica e social separa. O coñecemento do obxecto de estudo de xeito integral require estimular e desenvolver novos enfoques metodolóxicos axeitados para resolver problemas, aínda que cada disciplina científica ten os seus propios métodos, estándares etc.
No ámbito educativo refírese á relación entre as disciplinas, onde a forma de ensinar ten en consideración a construción do coñecemento polo alumno. Isto non dilúe as materias no contexto escolar, senón que promove a aproximación e articulación das actividades docentes coordinadas para obxectivos definidos.
Definir un obxecto en construción é unha tarefa até certo punto parcial, unha vez que este obxecto se está a transformar; deste xeito a interdisciplinariedade pode ser guiada máis pola práctica do que pola teoría, á vez que se desenvolven novas teorías ou paradigmas.
Unha aproximación epistemolóxica pode definir o tema. Existen catro palabras particularmente relacionadas e todas delimitan unha abordaxe científica, artística ou educativa con puntos en común: pluridisciplinariedade, multidisciplinariedade, interdisciplinaridade e transdisciplinariedade. O que hai en común nestas palabras é a palabra disciplina, que ha ser entendida como aquelas "porcións" dos estudos e do coñecemento, das matemáticas, bioloxía, ciencias naturais, historia, disciplinas artísticas etc. e das formas nas que se supera o propio concepto de disciplina. Erich Jantsch no seminario da OCDE de 1979 engade o concepto de disciplinariedade cruzada, un achegamento ao obxecto de estudo baseado en posturas de forza, na que unha disciplina domina sobre as outras.