Interleucina 8
From Wikipedia, the free encyclopedia
A interleucina 8 (IL-8 ou IL8), tamén chamada CXCL8, é unha quimiocina producida polos macrófagos e outros tipos celulares como as células epiteliais, células do músculo liso das vías aéreas[1] e células endoteliais. As células endoteliais almacenan IL-8 nas súas vesículas de almacenamento chamadas corpos de Weibel-Palade.[2][3] Nos humanos, a proteína interleucina 8 está codificada no xene IL8 (ou CXCL8) do cromosoma 4.[4] A IL-8 é producida inicialmente como un péptido precursor de 99 aminoácidos, que posteriormente sofre unha clivaxe para dar lugar a varias isoformas activas de IL-8.[5] En cultivo, a principal forma segregada polos macrófagos é un péptido de 72 aminoácidos.[5]
PDB 1IL8 | |
Quimiocina (motivo C-X-C) ligando 8 | |
Identificadores | |
Símbolo | CXCL8 |
Símbolos alt. | GCP-1; GCP1; IL8; LECT; LUCT; LYNAP; MDNCF; MONAP; NAF; NAP-1; NAP1 |
Entrez | 3576 |
OMIM | |
RefSeq | NP_000575 |
UniProt | P10145 |
Outros datos | |
Locus | Cr. 4 :(74.61 – 74.61 Mb) |
Hai moitos receptores na superficie da membrana plasmática aos que se pode unir a IL-8; os tipos que se estudan máis frecuentemente son os receptores serpentina acoplados á proteína G CXCR1 e CXCR2. A expresión e afinidade pola IL-8 difire entre estes dous receptores (a de CXCR1 é maior ca a de CXCR2). Por medio dunha cadea de reaccións bioquímicas, a IL-8 é segregada e é un importante mediador da reacción inmune na resposta do sistema inmunitario innato.