Músculo liso
músculo non estriado / From Wikipedia, the free encyclopedia
O músculo liso é un músculo involuntario non estriado. É un dos tres grandes tipos de tecido muscular; os outros dous son o músculo esquelético e o músculo cardíaco. Hai dous tipos de músculo liso segundo a forma como se produce a contracción: o músculo liso dunha soa unidade (unitario) e o de multiunidades. No músculo liso unitario o feixe muscular ou lámina muscular completa contráese como un sincitio fisiolóxico (é dicir, as células están individualizadas pero conectadas por unións comunicantes, polo que se contraen todas á vez). O tecido muscular liso de multiunidades está formado por células innervadas individualmente, o que permite o control fino e as respostas graduais, de xeito similar á unidade motora de recrutamento do músculo esquelético.
Tecido muscular liso | |
---|---|
Latín | textus muscularis levis; textus muscularis nonstriatus (TH 2.00.05.1.00001) |
O músculo liso encóntrase nas paredes dos vasos sanguíneos (nese caso denomínase músculo liso vascular) na túnica media da parede de arterias grandes como a aorta e en pequenas arterias, arteriolas e veas. Tamén hai músculo liso na parede dos vasos linfáticos, da vexiga urinaria, útero (músculo liso uterino), nos tractos reprodutores masculino e feminino, no tracto gastrointestinal, tracto respiratorio, músculo erector dos pelos da pel, no músculo ciliar do ollo, e no iris do ollo. A estrutura e funcionamento é basicamente o mesmo en todas as células musculares lisas de diferentes órganos, pero os estímulos indutores da contracción difiren substancialmente, para así realizar efectos determinados no corpo en momentos determinados. Por último, os glomérulos dos riles conteñen células similares ás do músculo liso chamadas células mesanxiais.