Investigación cuantitativa
From Wikipedia, the free encyclopedia
A investigación cuantitativa é unha estratexia de investigación que se basea en cuantificar a recompilación e a análise de datos.[1] Fórmase a partir dun enfoque deductivo no que se fai fincapé na comprobación da teoría, por exemplo cunha hipótese, moldeada por filosofías empiristas e positivistas.
Asociada coas ciencias naturais, aplicadas, formais e sociais, esta estratexia de investigación promove a investigación empírica obxectiva dos fenómenos observábeis para probar e comprender as relacións. Pode facerse a través de varios métodos e técnicas de cuantificación, reflectindo a súa ampla utilización como estratexia de investigación en diferentes disciplinas académicas.[2][3][4]
O obxectivo da investigación cuantitativa é desenvolver e empregar modelos matemáticos, teorías e hipóteses relacionadas cos fenómenos. O proceso de medición é fundamental para a investigación cuantitativa porque proporciona a conexión fundamental entre a observación empírica e a expresión matemática das relacións cuantitativas.
Os datos cuantitativos son calquera dato que estea en forma numérica, como estatísticas, porcentaxes, etc.[4] O investigador analiza os datos coa axuda de estatísticas e espera que os números produzan un resultado imparcial que poida xeneralizarse a unha poboación maior. En contraposición, a investigación cualitativa indaga en profundidade en experiencias específicas, coa intención de describir e explorar o significado a través do texto, a narrativa ou outro tipo de datos (visuais, sonoros, etc.), desenvolvendo temas exclusivos para ese conxunto de participantes.[5] Tamén se combinan ambas perspectivas co gallo de comprender mellor os fenómenos estudados (investigación mixta). [6]
A investigación cuantitativa utilízase amplamente en psicoloxía, economía, demografía, socioloxía, mercadotecnia, saúde comunitaria, medicina, desenvolvemento humano, estudos de xénero, ciencias políticas e educación; e con menos frecuencia en antropoloxía e historia. A investigación en ciencias matemáticas, como a física, tamén é "cuantitativa" por definición, aínda que este uso do termo difire no contexto. Nas ciencias sociais, o termo relaciónase cos métodos empíricos que se orixinan tanto no positivismo filosófico como na historia da estatística, en contraste cos métodos de investigación cualitativa.
A investigación cualitativa trata de comprender os fenomómenos a través da interpretación da información recollida e non procura comprobar hipóteses. Para iso adóitanse utilizar métodos cuantitativos. Segundo os ámbitos de investigación, utilízanse máis unha ou outra perspectiva. Por exemplo, unha análise exhaustiva de 1274 artigos publicados nas dúas principais revistas de socioloxía estadounidenses entre 1935 e 2005 encontrou que aproximadamente dous terzos destes artigos utilizaban o método cuantitativo.[7]