Ivy League
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Ivy League ("Liga da Hedra"), tamén coñecida como The Ancient Eight ("As Oito Antigas")[1][2][3] é unha conferencia deportiva universitaria estadounidense que comprente oito universidades privadas do nordés do país. A expresión Ivy League adoita empregarse tamén fóra do contexto deportivo para referirse ás oito universidades de elite con connotacións de excelencia académica, selección nas admisións e elitismo social.[4][5][6][7][8] Os seus membros por orde alfabética son Universidade Brown, Universidade de Columbia, Universidade Cornell, Dartmouth College, Universidade Harvard, Universidade de Pensilvania, Universidade Princeton e Universidade Yale.
Aínda que a expresión xa se empregaba en 1933, só se fixo oficial despois da formación da NCAA Division I en 1954.[9] Todos os membros agás Cornell fundáronse durante a época colonial, polo que están incluídas sete das nove universidades fundadas antes da Revolución Americana. As outras dúas, a Universidade Rutgers e o College of William & Mary, son institucións públicas.
Os centros da Ivy League vense como algunhas das universidades máis prestixiosas do mundo.[10] Todas están entre as dezasete primeiras da clasificación da U.S. News & World Report de 2020, catro delas entre as cinco primeiras.[11] U.S. News nomeou algunha delas como a mellor universidade do país todos os anos dende 2001.[12] Na clasificación global de 2020 da U.S. News & World Report, tres delas estaban entre as dez mellores universidades do mundo (Harvard primeira, Columbia sétima e Princeton oitava).[13][14]