Konrad Zuse
From Wikipedia, the free encyclopedia
Konrad Zuse, nado en Berlín o 22 de xuño de 1910 e finado en Hünfeld o 18 de decembro de 1995, foi un enxeñeiro civil, científico computacional pioneiro, inventor e empresario alemán. A súa maior achega foi a primeira computadora programábel; o Z3 foi operativo a partir de maio de 1941. Grazas a esta máquina e as súas predecesoras, Zuse foi considerado o inventor da computadora moderna.[1][2][3][4][5][6]
Zuse destacou tamén pola máquina de computación S2, considerada a primeira computadora de control de procesos. Fundou unha das primeiras empresas de computadoras en 1941, producindo o Z4, que se converteu na primeira computadora comercial. Dende 1943[7] a 1945[8] deseñou a primeira linguaxe de programación de alto nivel, Plankalkül. En 1969, Zuse suxeriu o concepto dun universo baseado en computación no seu libro Rechnender Raum.
Gran parte do seu primeiro traballo foi financiado pola súa familia e comercio, mais a partir de 1939 recibiu fontes do goberno nazi.[9] Debido á segunda guerra mundial, o traballo de Zuse foi enormemente ignorado no Reino Unido e nos Estados Unidos. Posiblemente a súa primeira influencia documentada nunha empresa estadounidense foi a opción de IBM nas súa patentes en 1946.
Existe unha réplica do seu Z3, ademais do Z4 orixinal, no Deutsches Museum de Múnic. O Deutsches Technikmuseum de Berlín ten unha exposición dedicada a Zuse, en que mostra doce das súas máquinas, incluída unha réplica da Z1 e varias pinturas realizadas por Zuse.