From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha lasca, en sentido amplo, é calquera produto da talla intencionada realizada polo ser humano nunha rocha, que se desprende da masa pétrea (que, en sentido xeral, se denomina núcleo lítico, pero que pode ser un bloque de pedra, un coio ou un utensilio en proceso), e que adquire forma de estela afiada. A labra pode realizarse golpeando directamente cun percusor (de pedra, de hasta, de madeira ou, ata, de metal), ou golpeando indirectamente cun cicel (que, tamén pode ser de hasta ou de metal), ou ao someter a peza-núcleo a unha forte presión cunha puga ou compresor. As lascas teñen formas e tamaños moi diversos, desde os microscópicos, ata os que superan os 30 centímetros; pero, en xeral, comparten unha serie de caracteres comúns que permiten recoñecelas.
Doutra banda, as lascas poden ser un obxectivo buscado polo tallador ou, pola contra o refugallo resultante de fabricar unha peza nuclear (por exemplo, un biface). Así mesmo, as lascas poden ser útiles de seu, sen modificación ningunha, en bruto (pois teñen, xeralmente, un gume natural moi agudo e efectivo), ou poden recibir unha transformación ata converterse nun utensilio concreto (unha raedeira ou unha raspadeira, por exemplo), entón fálase do retoque das lascas. É dicir, a miúdo, as lascas son soportes para fabricar unha enorme variedade de utensilios.
Como materia prima para a lasca elíxense rochas duras criptocristalinas de rotura concoide. Isto é, rochas cunha estrutura amorfa, pero homoxénea, o que permite que durante a talla se produzan ondas vibratorias que se transmiten de igual modo en todas direccións. A talla orixina diferentes tipos de ondas, pero as máis importantes son as lonxitudinais (a onda de choque e a onda de fractura). Estas ondas adoitan seguir unha pauta moi común, deixando, ao se propagaren, unhas marcas características na zona de esgazadura que conforman as arestas extremadamente afiadas da propia lasca, que son a razón de se fabricar desde a Prehistoria máis remota.
O «concoide» é a parte máis notoria da cara inferior (ou ventral) da lasca, que é a superficie ao longo da cal se produce a fractura que separa a lasca do núcleo. O punto de impacto, unha pequena superficie case circular na que o percusor entra en contacto coa rocha, é a orixe desde o que se desenvolve un tronco de cono ou cono de percusión, que se vai cambando ata adquirir unha forma similar á cuncha dun molusco bivalvo, de aí o nome de concoide. Despois, a curva da cara inferior suavízase ata case desaparecer. Pola contra, no núcleo queda o sinal da lasca, o chamado negativo de lascado (ou, simplemente, lascado), que ten a mesma morfoloxía pero inversa: un contraconcoide máis ou menos pronunciado e, a continuación, unha superficie sutilmente cóncava.
Dado que as rochas raramente carecen de impurezas ou fisuras, a onda de fractura adoita sufrir alteracións que permiten estudar mellor a talla ao xeito prehistórico. Así, aparecen diversos sinais moi útiles no estudo dos artefactos prehistóricos labrados. En liñas xerais os elementos máis comúns son:
Considérase que unha lasca completa ten tres caras:
As lascas pódense clasificar segundo a súa morfoloxía, François Bordes diferenza as lascas das follas a través da proporción entre o longo e o largo, así se a lonxitude da peza, medida segundo o seu eixo técnico, é o dobre ou máis ao seu largo é unha folla, caso contrario é unha lasca. Leroi Gourhan, quizais por mor da súa maior inclinación pola cultura magdaleniana, é máis esixente, propondo os seguintes «módulos de talla» para as lascas:
Desde o punto de vista da tecnoloxía lítica sepáranse as lascas denominadas vulgares (aquelas nas que se descoñece a súa posición na cadea operativa pero que poden ser utensilios funcionais), as lascas características (as que si teñen un lugar coñecido dentro da cadea operativa) e os refugallos e accidentes de talla; algúns son tamén refugallos característicos, polo que son coidadosamente clasificados. Ademais, estarían os materiais residuais da talla sen máis, comunmente, lascas excesivamente pequenas, estelas ou anacos sen forma concreta (ás veces coñecidos coa palabra francesa débris). Con todo hai que ter en conta que calquera lasca ordinaria é un útil potencial.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.