División de Honra de Rugby
From Wikipedia, the free encyclopedia
A División de Honra é a primeira división do rugby en España, organizada pola Federación Española de Rugby. No torneo participan os doce mellores equipos do país cun formato de liga a dúas voltas seguida dunha fase final de eliminatorias polo título. A liga disputouse por primeira vez na tempada 1952-53, e de xeito ininterrompido dende a edición 1969-70. Ó longo da súa historia dezaseis clubs teñen acadado o campionato, sendo o Valladolid Rugby Asociación Club o equipo que lidera o palmarés con once títulos de liga. A Unió Esportiva Santboiana, o Club Deportivo Arquitectura, o Club de Rugby El Salvador e o Club de Rugby CRC Pozuelo tamén teñen gañado a liga cinco veces ou máis. Outros clubs salientables pola súa frecuente participación na competición son o Club de Rugby Cisneros, o Getxo Rugby Taldea, o Club de Rugby Ciencias, o Futbol Club Barcelona e o Rugby Club Valencia, todos eles campións con máis de 20 tempadas na máxima competición nacional.[1]
Liga Heineken | |
---|---|
Fundación | 1952; hai 72 anos |
País | España |
Equipos | 13 |
Actual campión | VRAC (12 títulos) |
Máis laureado | VRAC (12 títulos) |
Organizador | Liga Nacional de Rugby |
Sitio web | www.ferugby.es |
División de Honra 2021−22 |
A División de Honra serve como torneo clasificatorio para o resto das competición oficiais. Os doce equipos da liga participan na fase de clasificación para a Copa do Rei. O campión de liga disputa tamén a Supercopa contra o campión de Copa, e a Copa Ibérica contra o campión de Portugal. Durante varios anos a Federación Española de Rugby recibía unha invitación para que un equipo competira na Challenge Cup, a segunda competición europea máis importante a nivel de clubs trala Champions Cup. A federación tiña por costume entregar esa invitación ó campión da liga, aínda que non sempre era aceptada polo club en cuestión por razóns económicas, de xeito que a presenza dalgún club desta liga en competicións continentais non era regular.
A División de Honra é a máxima categoría das ligas de rugby en España. Por debaixo da División de Honra está a División de Honra B, organizada tamén pola Federación Española de Rugby, e por debaixo desta están as diversas ligas rexionais, organizadas por candansúa federación autonómica. Entre tódalas divisións existe un sistema de ascensos e descensos por méritos deportivos. O vixente campión da División de Honra é a Valladolid Rugby Asociación Club.