Litótrofo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os litótrofos (do grego "comedores de rochas") son organismos que utilizan substratos inorgánicos (xeralmente de orixe mineral) para obter equivalentes de redución que serán utilizados nas súas biosínteses (por exemplo para a fixación do dióxido de carbono) ou a conservación de enerxía (en forma de ATP) por medio dos procesos da respiración aerobia ou anaerobia. O seu proceso metabólico chámase litotrofia.[2] Todos os quimiolitótrofos que se coñecen son microbios; non se coñece macrofauna que teña a capacidade de usar compostos inorgánicos como fontes de enerxía. Porén, a macrofauna e os microorganismos litótrofos poden establecer relacións simbióticas. Un exemplo disto son as bacterias quimiolitótrofas que viven en simbiose nos tecidos dos vermes tubícolas xigantes, que viven nas fontes hidrotermais oceánicas, ou tamén esta foi a orixe dos plastidios, que son os orgánulos fotosintéticos das plantas e algas que evolucionaron pola endosimbiose dun microorganismo do tipo das cianobacterias fotolitotróficas. Hai litótrofos tanto no dominio Bacteria coma en Archaea. Moitos litoautótrofos son extremófilos, pero non todos.
En canto ao tipo de metabolismo, o oposto a un litótrofo é un organótrofo, que é un organismo que obtén os seus axentes redutores catabolizando compostos orgánicos.