Lourenzo, mártir
mártir e santo cristián (martirizado en 258) / From Wikipedia, the free encyclopedia
San Lourenzo foi un dos sete diáconos rexionarios de Roma, cidade onde foi martirizado nunha grella o 10 de agosto de 258, catro días despois do martirio do papa Sisto II.[1] En latín chamábase Laurentius (‘laureado’). O seu nome testemúñase nos calendarios litúrxicos máis antigos: a Depositio martyrum do ano 354 e o Martiroloxio xeronimiano do século V. Ambos especifican a localización da súa sepultura na vía Tiburtina, e o Martirologio jeronimiano cualifícao de «archidiaconus», título que máis tarde reiterou o Peristephanon do poeta latino Prudencio.[2] Os estudos de Pietro Guidi ratificaron a concordancia dos antigos martiroloxios ao recoñecer definitivamente en Lourenzo ao titular da necrópole da vía Tiburtina, sobre cuxas reliquias se edificou primeiro unha basílica, e a fins do século VI outra subterránea ad corpus.[2][3]
Nome orixinal | (la) Laurentius |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 31 de decembro de 225 Osca (Imperio Romano) |
Morte | 10 de agosto de 258 (32 anos) Roma (Imperio Romano) |
Causa da morte | Morte na fogueira |
Lugar de sepultura | Basílica de São Lourenço Fora de Muros (pt) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Roma Antiga |
Relixión | Igrexa |
Actividade | |
Ocupación | diácono |
Período de tempo | Alto Imperio Romano e Baixo Imperio Romano |
Lingua | Lingua latina |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 10 de agosto (Catolicismo) |
Símbolo iconográfico | Grelha (pt) |
Patrón de | Huesca, San Lorenzo de El Escorial e San Lorenzo (Santa Fé) (pt) |
Familia | |
Pais | Orentius of Huesca (en) e Patientia of Huesca (en) |
Irmáns | Ourente de Auch |
Cronoloxía | |
martyrdom of Saint Lawrence (en) | |
Os Actos de san Lourenzo perdéronse na época de Agostiño de Hipona, quen nun dos seus sermóns sobre o santo [4] admitiu que a súa narración non proviña de recitar as Actas do santo (como adoitaba facer Agostiño nos seus sermóns) senón da tradición oral. Esa tradición sitúa o nacemento de Lourenzo de Roma en Huesca, na Hispania Tarraconensis, aínda que tamén podería ser orixinario de Valencia, onde os seus pais residirían un curto espazo de tempo, vindo nacer o santo nesta cidade. Cando en 257 Sixto foi nomeado papa, Lourenzo foi ordenado diácono, e encargado de administrar os bens da Igrexa e o coidado dos pobres. Por este labor, é considerado un dos primeiros arquivistas e tesoureiros da Igrexa, e é o patrón dos bibliotecarios.
O emperador Valeriano proclamou un edicto de persecución no que prohibía o culto cristián e as reunións nos cemiterios. Moitos sacerdotes e bispos foron condenados á morte, mentres que os cristiáns que pertencían á nobreza ou ao senado eran privados dos seus bens e enviados ao exilio.
Vítimas das persecucións de Valeriano destacan os papas Estevo I, degolado sobre a mesma cadeira pontificia; e Sisto II decapitado o 6 de agosto do 258. Bispos como Cibrán de Cartago (decapitado no norte de África), diáconos como Agapito, ou o popular san Lourenzo.
Unha lenda posiblemente creada por Ambrosio de Milán di que Lourenzo se atopou co papa Sixto no seu camiño ao martirio, e que lle preguntou: «Onde vas, querido pai, sen o teu fillo? Onde te apresuras, santo pai, sen o teu diácono? Nunca antes montaches o altar de sacrificios sen o teu servente, e agora desexas facelo sen min?». Entón o papa profetizou: «En tres días ti seguirasme».