MHC de clase I
From Wikipedia, the free encyclopedia
As proteínas do MHC de clase I (do inglés major histocompatibility complex) tamén chamadas CMH de clase I (de complexo maior de histocompatibilidade) son unha das dúas grandes clases de moléculas do complexo maior de histocompatibilidade (as outras son as da clase II) que se encontran na superficie de case todas as células nucleadas do corpo dos vertebrados e nas plaquetas, pero non nos eritrocitos. Interveñen na activación do sistema inmunitario facendo a presentación do antíxeno aos linfocitos T citotóxicos. Como son características das células nucleadas son inexistentes ou escasas nas células que perderon o núcleo durante a maduración, como os glóbulos vermellos, ou nas que se orixinan como fragmentos de células, como as plaquetas,[1] e a presenza dos antíxenos MHC de clase I nestas células anucleadas crese que se debe á actividade xenética das súas células precursoras nucleadas. A función das proteínas do MHC de clase I é expoñer na superficie celular fragmentos de proteínas procesadas no interior da célula (propias ou alleas) para que sexan recoñecidos polos linfocitos T, fenómeno chamado presentación do antíxeno. As células en estado normal son ignoradas polos linfocitos, pero as que conteñen proteínas alleas son atacadas polo sistema inmunitario, ao seren estas presentadas na superficie unidas ás moléculas do MHC de clase I. Como as moléculas do MHC de clase I presentan péptidos derivados de proteínas que estaban no citosol, a ruta da presentación das MHC de clase I denomínase con frecuencia ruta citosólica ou ruta endóxena.[2]