Mauro Silva
futbolista brasileiro / From Wikipedia, the free encyclopedia
Mauro da Silva Gomes, nado en São Bernardo do Campo (Estado de São Paulo) o 12 de xaneiro de 1968, é un exfutbolista brasileiro. Considerado un dos futbolistas máis destacados da súa época e un dos mellores mediocentros defensivos de tódolos tempos, é o terceiro xogador con máis partidos na historia do Deportivo da Coruña (459), club no que militou durante 13 tempadas entre 1992 e 2005 e do que foi capitán.
Mauro Silva | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Mauro da Silva Gomes | ||
Nacemento | 12 de xaneiro de 1968 (56 anos) | ||
Lugar de nacemento | São Bernardo do Campo | ||
Altura | 1,77 m | ||
Posición | Centrocampista | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1988–1990 | Guarani | 8 | (0) |
1990–1992 | Bragantino | 79 | (1) |
1992–2005 | Deportivo da Coruña | 369 | (1) |
Total | 456 | (2) | |
Selección nacional | |||
1991–2001 | Brasil | 59 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Fichou polo Deportivo tras destacar no Bragantino, co que gañou o Campionato Paulista e co que foi subcampión do Brasileirão despois de ter ascendido pouco antes á máxima categoría. Foi un dos piares da mellor época histórica do equipo galego e é un dos tres únicos futbolistas (xunto a Fran e Donato) en conquistar os seis títulos oficiais que posúe o club (unha liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España). En 2016 foi elixido nunha votación entre os seareiros do Deportivo da Coruña como o mellor futbolista da historia do club.
Foi internacional en 59 ocasións coa selección brasileira, coa que conquistou o Mundial de 1994 nos Estados Unidos, formando un famoso dobre pivote con Dunga. Gañou tamén a Copa América de 1997 e quedou terceiro na Copa Ouro da CONCACAF de 1998, mentres que renunciou á Copa América de 2001.
Dende 2015 ocupa o cargo de vicepresidente da Federación Paulista de Fútbol.