Metabolismo de fármacos
From Wikipedia, the free encyclopedia
O metabolismo de fármacos tamén chamado metabolismo xenobiótico é a modificación bioquímica de substancias farmacéuticas ou xenobióticos polos organismos vivos, xeralmente mediante sistemas encimáticos especializados. O metabolismo de fármacos a miúdo converte os compostos químicos lipófilos en produtos hidrófilos máis fáciles de excretar. A taxa do metabolismo determina a duración e intensidade da acción dos fármacos.
O metabolismo xenobiótico está constituído polo conxunto de rutas metabólicas que modifican a estrutura química de substancias estrañas á bioquímica normal do organismo (xenobióticos), como fármacos e velenos. Estas rutas son unha forma de biotransformación presente en todos os grupos principais de organismos, e considérase que é de orixe antiga. Estas reaccións xeralmente actúan detoxificando compostos velenosos; porén, nalgúns casos, os propios intermediarios do metabolismo xenobiótico poden causar efectos tóxicos.
As reaccións destas rutas son de especial interese para a medicina como parte do metabolismo de fármacos e como un factor que contribúe á resistenca a multidrogas en enfermidades infecciosas e quimioterapia do cancro. As accións dalgúns fármacos como substratos ou inhibidores de encimas implicados no metabolismo xenobiótico son unha causa común de interaccións de fármacos perigosas. Estas vías metabólicas son tamén importantes en ciencias ambientais, e o metabolismo xenobiótico de microorganismos determina se un contaminante será degradado durante a biorremediación, ou persista no ambiente. Os encimas do metabolismo xenobiótico, particularmente as glutatión S-transferases son tamén importantes en agricultura, xa que poden producir resistencia a pesticidas e herbicidas.
O metabolismo de fármacos está dividido en tres fases. Na fase I, encimas como as citocromo P450 oxidases introducen grupos reactivos ou polares nos xenobióticos. Estes compostos modificados son despois conxugados a compostos polares nas reaccións da fase II. Estas reaccións están catalizadas por encimas transferases como as glutatión S-transferases. Finalmente, na fase III, os xenobióticos conxugados poden sufrir aínda ou maior procesamento, antes de seren recoñecidos por transportadores de efluxo e bombeados fóra das células.