Xenobiótico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un xenobiótico é unha substancia química que se encontra nun organismo vivos que no se produce de forma natural nin se espera que estea presente nese organismo. Tamén se poden denominar así substancias que están presentes en moito maiores concentracións das normais. Por exemplo, fármacos como os antibióticos son xenobióticos para os humanos porque o corpo humano non pode producilos por si mesmo, nin forman parte dos seus alimentos normais. Moitos deles teñen unha estrutura química pouco frecuente ou inexistente na natureza.
Os xenobióticos poden ser compostos arficiais ou naturais. Os compostos naturais poden ser tamén xenobióticos se son captados por outro organismo que non os produce, como a captación de hormonas humanas por peixes que están augas abaixo de plantas de tratamento de augas, ou as defensas químicas producidas por algúns organismos como protección contra os depredadores que entran no corpo destes.[1]
Porén, o termo xenobiótico é utilizado moi a miúdo para referirse a contaminantes como dioxinas e bifenilos policlorados e os seus efectos sobre a biota, porque os xenobióticos son entendidos tamén como substancias alleas a un sistema biolóxico completo, é dicir, substancias artificiais no ecosistema, que non existían na natureza antes da súa síntese polos humanos. O termo xenobiótico deriva do grego ξένος (xenos), alleo, estranxeiro e βίος (bios), vida.
Os xenobióticos poden clasificarse en carcinóxenos, fármacos, contaminantes ambientais, aditivos alimentarios, hidrocarburos, e pesticidas.