Moeda de 5 centavos de dólar Jefferson
moeda estadounidense de curso legal / From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda de 5 centavos de dólar Jefferson é unha moeda con ese valor facial emitida en cuproníquel pola Casa da Moeda dos Estados Unidos a partir de 1938, cando substituíu os 5 centavos Buffalo.
5 centavos Jefferson Modelo orixinal (1938-2003) [1] | |
---|---|
A/: Retrato de Thomas Jefferson cara á esquerda. Marca de ceca e de gravador (FS); e data.
Lendas: IN GOD WE TRUST / LIBERTY. |
R/: Monticello, residencia de Jefferson en Virxinia.
Lendas: E PLURUBUS UNUM /MONTICELLO / FIVE CENTS / UNITED STATES OF AMERICA |
|
Esta moeda caracterízase polo seu anverso co busto do terceiro presidente dos Estados Unidos, Thomas Jefferson, segundo o deseño inicial de Felix Schlag (de 1938 a 2004) e substituído posteriormente polos de Joe Fitzgerald (2005) e Jamie Franki (desde 2006). Pola súa banda, o reverso segue a representar o deseño orixinal de Schlag de Monticello, a residencia de Jefferson en Virxinia, aínda que en 2005 e 2006 a moeda contou con diferentes reversos conmemorativos.
A anterior moeda de 5 centavos Buffalo, cuxa cuñaxe comezara en 1913 presentaba dificultades técnicas para a súa produción e, superado o período de 25 anos en que unha moeda estadounidense só pode ser substituída por un complexo proceso no Congreso, a directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Nellie Tayloe Ross, apresurouse para iniciar o proceso para a substituír sen precisar máis beneplácito que o do secretario do Tesouro. Para iso, a US Mint convocou un concurso de deseño a principios de 1938, no que se solicitou aos participantes que presentasen as súas propostas para a nova moeda, coa condición de que representase a Jefferson no anverso e a súa residencia Monticello no reverso. Schlag foi o gañador, aínda que tivo que renovar completamente o reverso e facer algúns cambios no anverso antes de que a moeda entrase en produción en outubro de 1938.
Chegada a segunda guerra mundial e dado que o níquel era un material estratéxico no conflito, os 5 centavos Jefferson pasaron a cuñarse, entre 1942 e 1945, nunha aliaxe de cobre, prata e manganeso, que non requiría axustes nin nos equipamentos de cuñaxe nin nas máquinas expendedoras. Para sinalar a diferenza, estas moedas amosan unha gran marca de ceca no reverso, por riba da cúpula do edificio.
En 2004 e 2005, a moeda de 5 centavos tivo uns deseños totalmente renovados co gallo da conmemoración do Westward Journey, a expedición de Lewis e Clark, e a partir de 2006 retomou o tradicional reverso de Monticello, mais co novo busto de Jefferson no anverso, creado por Jamie Franki.