Cúpula
elemento arquitectónico que cubre un espazo mediante arcos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha cúpula é un elemento estrutural da arquitectura que se asemella á metade do oco dunha esfera; é unha bóveda cuxa xeometría é unha semiesfera no interior,[1] e que serve para cubrir un espazo de planta circular, cadrada, poligonal ou elíptica, por medio de arcos semicirculares, parabólicos ou oxivais, que rotan respecto a un punto central de simetría.
As solucións adaptadas ás cubertas, ao longo dos séculos, desde un punto de vista técnico, foron as bóvedas de canón e de aresta e a cúpula esférica. A primeira solución foi a utilizada en plantas lonxitudinais e a de aresta e a cúpula esférica en plantas cuadrangulares, polo xeral limitadas por arcos,[2] e que consegue o paso á planta circular ou nalgúns casos octogonal mediante cunchas.[1]
Estruturas con forma de cúpula feitas con diversos materiais teñen unha longa traxectoria dentro do ámbito arquitectónico e a súa tradición esténdese ata a prehistoria. Atopáronse diferentes tipos de arcos, tipos de construcións que precederon ás verdadeiras cúpulas, en edificios do antigo Oriente Medio e en tumbas modestas. Construíronse cúpulas domésticas despois do grande incendio de Roma do ano 64, na Domus Aurea de Nerón, nas ladeiras do monte Palatino. Por outra banda, a cúpula converteuse nunha característica da arquitectura musulmá a partir xa do século VII.
Actualmente, as cúpulas considéranse unha característica común da arquitectura eclesiástica de moitos credos distintos. As cúpulas popularizaronse primeiro en Europa e o Oriente Medio como consecuencia do seu uso frecuente na arquitectura relixiosa e secular romana e, en especial na romana oriental, o Imperio Romano de Oriente. As cúpulas fixeronse populares na arquitectura renacentista do século XV en diante, alcanzando o cénit da súa popularidade durante o século XVIII, en pleno barroco. Durante o século XIX, reminiscencias do antigo senado romano convertéronse nunha característica da gran arquitectura cívica. Durante o período barroco, máis que unha característica interna das construcións domésticas, onde a súa presenza é menos común, tende a formar parte como un elemento arquitectónico das grandes casas e palacios.
Moitas cúpulas, en particular as da arquitectura do Renacemento e do barroco, están coroadas por unha cúpula ou lanterna,[3] un tipo de innovación da arte romana de Oriente que non só serve para potenciar a luminosidade do espazo e a ventilación do lugar, senón que , ademais, dá unha dimensión engadida á decoración interior da estrutura.
As cúpulas posúen unha gran forza estrutural. Unha cúpula pequena pode ser construída con albanelaría corrente, coidando tanto a fricción como as forzas compresivas. As grandes cúpulas, comprenden unha dobre cúpula, unha interna e outra externa, desde que Brunelleschi cubriu triunfalmente, coa súa dobre cúpula, o transepto de Santa María del Fiore, a catedral ou duomo de Florencia.
Este elemento atópase no Panteón de Roma, construído na antigüidade e tamén en Santa Sofía de Istambul. Estas influencias de Roma e Florencia perduraron no Renacemento (San Pedro do Vaticano), no barroco e no neoclasicismo europeo e estadounidense.