Monica Seles
From Wikipedia, the free encyclopedia
Monica Seles (en húngaro: Szeles Mónika, |ˈsɛlɛʃ ˈmoːnikɒ|; en serbio: Моника Селеш, Monika Seleš), nada en Novi Sad o 2 de decembro de 1973 é unha ex xogadora de tenis, que representou a Iugoslavia e aos Estados Unidos de América. Etnicamente húngara, nacionalizouse estadounidense en 1994 e tamén recibiu a cidadanía húngara en xuño de 2007.[1][2] Foi número un da WTA e gañou oito títulos individuais de Grand Slam, oitos deles como adolescente representando a Iugoslavia, e o último representando aos Estados Unidos.
En 1990, Seles converteuse na campioa máis nova de Roland Garros con dezaseis anos. Gañou oito títulos individuais de Grand Slam antes de cumprir vinte anos e foi número un do mundo en 1991 e 1992. Non obstante, o 30 de abril de 1993 foi vítima dun ataque na pista, cando un home a apuñalou nas costas cun coitelo de 23 cm de longo. Seles non volveu ao tenis ata dous anos despois.[3] Aínda que gozou de certo éxito na volta en 1995, incluíndo un cuarto título de Australia en 1996, non puido recuperar a súa mellor forma. Xogou o seu último partido como profesional en Roland Garros en 2003, aínda que non se retirou ata febreiro de 2008.
Considerada como unha das mellores tenistas da historia, Seles foi nomeada unha das "30 lendas do tenis feminino: Pasado, presente e futuro" pola revista Time.[4] Algúns xogadores e historiadores afirman que Seles tiña o potencial para converterse na máis completa xogadora de todos os tempos se non fose apuñalada.[5][6][7] Foi incluída no International Tennis Hall of Fame en 2009.