Mulleres na informática
From Wikipedia, the free encyclopedia
As mulleres na informática xogaron un papel determinante no seu nacemento e nos seus primeiros pasos. O que nos seus inicios se chamou "computador", tamén coñecido como computadora ou ordenador, debe o seu nome ás chamadas "computers", grupos de mulleres que tanto en Inglaterra como nos Estados Unidos traballaban en cálculos matemáticos relacionados coa determinación de traxectorias balísticas durante as guerras.
Non só a primeira programadora da historia foi unha muller, Ada Byron Lovelace (1815-1852), senón que ata os anos 80, coa entrada nos fogares dos primeiros ordeadores persoais, o traballo de programación era considerado un traballo feminino. A partir dese momento as mulleres foron desaparecendo tanto dos estudos como dos traballos relacionados coa informática.
A preocupación mundial sobre o papel actual e futuro das mulleres en tarefas de computación adquiriu máis importancia coa aparición da era da información. Estas preocupacións motivaron a organización de debates públicos sobre a igualdade de xénero ao verse que as aplicacións informáticas exercen unha crecente influencia na sociedade.