Hipótese do mundo de ARN
From Wikipedia, the free encyclopedia
A hipótese do mundo de ARN propón que hai miles de millóns de anos a vida baseada na química do ARN precedeu a vida actual baseada na química do ADN. Esta hipótese baséase na capacidade do ARN de almacenar, transmitir e duplicar a información xenética, da mesma forma que o fai o ADN. O ARN pode actuar tamén como un ribozima (un encima feito de ácido ribonucleico). Debido a que pode reproducirse a si mesmo, desenvolvendo as tarefas do ADN e das proteínas (encimas), pénsase que o ARN tiña a capacidade de ter a súa propia "vida" independente. Os compoñentes do ARN son os ribonucleótidos, e aínda que non se encontraron nucleótidos no experimento de Miller e Urey, si se encontraron os seus compoñentes nas simulacións doutros investigadores, como nas de Joan Oró. Experimentos cos ribozimas básicos, como o ARN viral Q-beta, demostraron que as estruturas de ARN autorreplicantes sinxelas poden resistir mesmo fortes presións selectivas (como os terminadores de cadea de quiralidade oposta).[1]
Walter Gilbert foi o primeiro en usar a expresión "mundo de ARN" en 1986[2]. Porén, a idea de vida de ARN independente é máis antiga, e pódese encontrar no libro de Carl Woese The Genetic Code.[3]. Cinco anos antes, o biólogo molecular Alexander Rich, do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, xa propuxera gran parte da mesma idea nun artigo escrito para un volume publicado en honor do premio Nobel de Fisioloxía Albert Szent-Györgyi.