Músculo esquelético
From Wikipedia, the free encyclopedia
O músculo esquelético ou tecido muscular estriado esquelético é un tipo de músculo estriado que está baixo o control do sistema nervioso somático, polo que se controla voluntariamente. É un dos tres grandes tipos de tecido muscular; os outros dous son o músculo cardíaco (tamén de tipo estriado) e o músculo liso (non estriado). Como indica o seu nome, a maioría dos músculos esqueléticos están unidos aos ósos por feixes fibrosos de coláxeno chamados tendóns. A súa misión é realizar os movementos voluntarios do corpo.
Tecido muscular estriado esquelético | |
---|---|
Esquema do músculo esquelético | |
Latín | textus muscularis striatus skeletalis (TH 2.00.05.2.00002) |
O músculo esquelético está feito de compoñentes individuais denominados miocitos, "células musculares", "fibras musculares" ou miofibras. Os miocitos son células longas cilíndricas e multinucleadas, que se formaron pola fusión de mioblastos durante o desenvolvemento (un tipo de células proxenitoras embrionais) durante un proceso chamado mioxénese.
As miofibras están á súa vez cheas de miofibrilas. As miofibrilas están compostas por filamentos proteicos de actina e miosina repetidos en unidades chamadas sarcómeros, a unida funcional básica da fibra muscular. O sarcómero é responsable da estriación da fibra muscular esquelética (debido á superposición ordenada de filamentos en bandas) e constitúe a maquinaria básica necesaria para a contracción muscular. Os músculos son órganos formados por moitos feixes de fibras musculares unidas por tecido conxuntivo.