Noh
From Wikipedia, the free encyclopedia
Nō, Nô, Nou ou Noh (xaponés: 能) é unha das formas máis importantes do drama musical clásico xaponés, executado desde o século XIV. Evolucionou doutras formas teatrais, aristocráticas e populares, incluíndo o Dengaku, Shirabyoshi e Gagaku. Un dos seus máis importantes dramaturgos foi Zeami Motokiyo. Por outra banda, deu orixe a outras formas dramáticas, como o Kabuki. O Noh é caracterizado polo seu estilo lento, dunha graza espartana, ríxida, sutil, ben como polo uso de máscaras típicas.
Este artigo amosa escritos xaponeses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
As pezas Noh discorren nun palco bastante despoxado, feito de hinoki liso (alcipreste xaponés). O escenario é, invariabelmente, constituído apenas polo "kagami-ita," un piñeiro pintado, no fondo do palco, mesmo que a peza se desenvolva noutros locais. Hai varias explicacións para o uso desta árbore, sendo moi común a interpretación que se refire aos rituais xintoístas, polos cales os deuses descenden á Terra por este medio. Outro aderezo inconfundíbel é a ponte estreita (a "Hashigakari"), situada á esquerda, que os principais actores utilizan para entrar en escena. É esta a orixe do Hanamichi, no Kabuki.