From Wikipedia, the free encyclopedia
Este artigo trata sobre as normas para a escrita do galego da Real Academia Galega, quen ostenta a autoridade legal en materia de normativización. Ao seren estas normas as usadas e promovidas polas institucións oficiais, os medios de comunicación públicos e o ensino público, son consideradas de maneira amplamente maioritaria como a normativa oficial do galego. No entanto, este concepto de oficialidade ten xerado controversia, con sectores que defenden que non existe ningunha normativa oficial.[1]
O Estatuto de autonomía de Galicia dotou os poderes públicos galegos da competencia con respecto á lingua galega. O 17 de novembro de 1982 a Xunta de Galicia estableceu que existiría unha norma de uso oficial[Cómpre referencia] para o ensino e que excluiría das axudas económicas os textos non publicados na normativa oficial. Esta medida supuña a marxinalización da normativa reintegracionista do galego, usada polo sector partidario do reintegracionismo.
Coa publicación da Lei de normalización lingüística o 15 de xuño de 1983, estableceuse que o criterio de autoridade para a normativización do galego sería o da Real Academia Galega (RAG), relegando o Instituto da Lingua Galega (ILG), como referencia legal.[2]
A variedade estándar ou padrón, fixada a medias entre o ILG e a RAG, inicialmente constaba só de indicacións morfolóxicas e ortográficas, as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), publicadas en 1983 e aplicadas no dicionario da RAG de 1997 (unhas trinta mil palabras) e reformadas en 2003, pero coa publicación do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) en 2004 definíronse de facto tamén coma normas léxicas. Isto non implica que o que non apareza no VOLG non sexa normativo, posto que non é amplo dabondo para recoller todo o léxico galego.
As normas non foron publicadas nunca no Diario Oficial de Galicia; en 2007 unha proposición non de lei do BNG, defendida por Bieito Lobeira, para a súa publicación non foi aprobada pola Comisión de Xustiza do Parlamento de Galicia ao votar en contra o PPdeG e se abster o PSdeG.[3]
O 3 de xullo de 1982, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega aprobaron en sesión conxunta as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, seguindo como criterio principal a procura da pureza do idioma, eliminando castelanismos innecesarios e evitando a hiperidentificación, rexenerándoo con préstamos internos o que supuxo unha aproximación ao portugués[4]. En abril de 1983, a Xunta publicou o Decreto de Normativización da Lingua Galega (coñecido como "Decreto Filgueira"), que consagraba estas normas como modelo para a escrita da lingua galega.
En 1990 a RAG e o ILG publicaron o Diccionario da Lingua Galega, con 12.000 entradas, que constituía así a normativa sobre o léxico (as Normas só tratan da ortografía e a morfoloxía).
En 1995 modificáronse parcialmente as NOMIG: a proposta do Consello Científico do ILG (11 de novembro de 1994), o Plenario da RAG ratificou estas lixeiras modificacións o 25 de febreiro de 1995. O novo texto publicouse en maio, e tivo valor inmediato, sen precisar de aprobación por parte do goberno galego, que foi simplemente informado.
A nova edición do Diccionario da RAG de 1997 contiña 25.000 entradas.
En 2001 iniciouse un proceso de negociación entre os departamentos de galego das tres universidades galegas, o Instituto da Lingua Galega e diferentes asociacións. O obxectivo era a unificación de dúas das tres diferentes normativas –e posturas– sobre o galego existentes: a normativa “oficial”, aprobada polo Instituto da Lingua Galega, o reintegracionismo –partidario da unificación ortográfica co portugués–, e o reintegracionismo de mínimos, unha fórmula intermedia entre as dúas defendida por varias outras asociacións. Este grupo de entidades presentoulle unha proposta á Academia.
A Academia discutiuna en novembro do 2001, aínda baixo a presidencia de Francisco Fernández del Riego. Foi un debate difícil que rematou cunha votación con resultado de once votos en contra da mudanza, dúas abstencións e sete votos a favor, aínda que ninguén nese momento deu o asunto por pechado. A decisión foi polémica no seu momento e transcendeu ao ámbito dos investigadores e filólogos. O 30 de setembro do 2002, a Real Academia decidiu reabrir o debate, aínda que desde o interior da institución. O novo presidente era Xosé Ramón Barreiro, que se comprometera a conducir a reforma ao ocupar o cargo. A proposta finalmente aprobada pola RAG non coincide ao cento por cento coa presentada dous anos antes, xa que algúns dos puntos non se aceptaron na súa integridade, baixo a acusación máis ou menos velada dunha certa deriva lusista.[Cómpre referencia]
Os principais criterios para a escolla das alternativas que entran dentro da normativa foron:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.