From Wikipedia, the free encyclopedia
Nummus (en grego: νουμμίον, noummion), plural nummi (νοῦμμοι), foi inicialmente o termo latino equivalente ao actual "moeda", utilizado posteriormente para unha serie de moedas do imperio Romano e bizantinas de cobre durante a Antigüidade tardía.[1][2][3][4]
Nun primeiro momento, o termo foi utilizado, xa ao final da República de Roma e nos inicios do Imperio, para se referir en xeral á moeda e, máis en particular, para designar o sestercio, que era a principal unidade de conta da época.
Arredor de 294, durante a Tetrarquía, apareceu unha nova moeda de cobre de preto de 10 gramos de peso e 30 milímetros de diámetro. É probable que a súa denominación oficial na época fose tamén nummus, aínda que modernamente pasou a ser coñecida no ámbito numismático como follis.
A denominación de nummus resérvase actualmente para as emisións bizantinas de cobre dos séculos V a VII. Tratábase dunhas pequenas moediñas, descoidadamente cuñadas, cun peso inferior ao gramo, que constituían a denominación máis baixa do sistema bizantino, valoradas oficialmente en 7.200 pezas por cada sólido de ouro (aínda que a súa taxa real oscilou entre as 6.000 e as 12.000). Estes nummi presentaban adoito o busto do emperador de perfil nos seus anversos e un monograma imperial nos reversos, aínda que algunhas moedas do emperador Xustiniano I (527-565) amosan no canto deste monograma o valor facial da moeda mediante o numeral grego "A".[5]
En 498, o emperador Anastasio I (491-518) emprendeu unha reforma do sistema monetario e introduciu múltiplos do nummus, con valores de 40 nummi, tamén coñecido como follis, 20 nummi (semifollis) e 10 nummi (en grego: δεκανούμμιον, decanummium)[6]. Estas moedas aparecían regularmente marcadas polos seus correspondentes numerais gregos, que indicaban o seu valor: "M" para o follis (40 nummi), "K" para a peza de 20 nummi e "I" no caso da de 10 nummi. No entanto, a emisión de moedas do nummus simple, aínda que se mantiña, era moi descontinua.[7] Mediante unha nova reforma en 513, dobráronse os pesos destas moedas, introduciuse o novo valor de 5 nummi ou pentanummium (en grego: πεντανούμμιον), co numeral grego "E", e retomouse a cuñaxe regular do nummus simple.[8][9][10][11]
Entre 538 e 539, Xustiniano introduciu novos cambios nos follis de 40 nummi, ao aumentar o seu peso ata os 25 gramos, aínda que despois baixou novamente ata 22,5 gramos entre 541 e 542, ao que seguiron novas reducións ata a fin dese século. Nesa época apareceu tamén o novo valor de 30 nummi, marcado con "Λ" ou "XXX"), e cesou a cuñaxe do nummus simple nos obradoiros monetarios de Constantinopla, aínda que se mantivo durante o século VII no Exarcado de Cartago.[12]
Durante o século VII, as sucesivas crises militares e financeiras levaron consigo a redución nos pesos e unha salientable deterioración da calidade das cuñaxes, ata o punto de que o follis (40 nummi) chegou a pesar só tres gramos en tempos do emperador Constante II (641-668), coa consecuencia da desaparición dos valores inferiores ao semifollis (20 nummi). A partir dese momento, o termo nummus ficou en uso só como unidade de conta para a cantidade de 6.000 unidades por sólido e, no uso coloquial, como expresión sinónima de "cambio pequeno".[13]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.