Oroxenia caledoniana
From Wikipedia, the free encyclopedia
A oroxenia caledoniana[2][3][4] ou oroxénese caledoniana[5] foi un episodio de formación de montañas que tivo lugar nas partes norte de Irlanda e Gran Bretaña, na zona das montañas Escandinavas, Svalbard, leste de Groenlandia e partes do norte e centro de Europa. A oroxenia caledoniana comprende sucesos que ocorreron desde o Ordovícico ao Devoniano temperán, aproximadamente hai de 490 a 390 millóns de anos (Ma). Foi causada polo peche do antigo océano de Xápeto cando chocaron os continentes e os terreos de Laurentia, Báltica e Avalonia.
A oroxenia caledoniana denomínase así por Caledonia, o nome latino de Escocia. Este nome utilizouno primeiramente en 1885 o xeólogo austríaco Eduard Suess para referirse a un episodio de formación de montañas no norte de Europa que precedeu ao Devoniano. Os xeólogos Émile Haug e Hans Stille, entre outros, consideraban a oroxenia caledoniana como unha das varias fases episódicas de formación de montañas que ocorreran durante a historia da Terra.[6] A idea actual é que a oroxenia caledoniana comprende varias fases tectónicas que poden ser lateralmente diacrónicas. O nome "caledoniano" pode, por tanto, non ser usado para un período de tempo xeolóxico absoluto, e aplicarse só a unha serie de eventos relacionados tectonicamente.