Padrón molecular asociado a patóxenos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un padrón molecular asociado a patóxenos, abreviado PAMP (do inglés pathogen-associated molecular pattern) é un pequeno motivo de secuencia conservada en moléculas que se encontran nunha clase de microbios. Son recoñecidos polos receptores de tipo Toll (TLRs) e outros receptores de recoñecemento de padrón (PRRs) tanto en plantas coma en animais. Existe un amplo conxunto de tipos de moléculas que poden servir como PAMPs, incluíndo glicanos e glicoconxugados.[1]
Os PAMPs activan as respostas inmunitarias innatas, protexendo o hóspede da infección ao indentificar algunhas moléculas alleas non conservados. Os lipopolisacáridos bacterianos (LPSs), as endotoxinas que se encontran nas membranas celulares de bacterias gramnegativas,[2] son considerados unha clase prototípica de PAMPs. Os LPSs son recoñecidos especificamente polo TLR4, un receptor de recoñecemento do sistema inmunitario innato. Outros PAMPs son a flaxelina bacteriana (recoñecida polo TLR5), o ácido lipoteicoico de bacterias grampositivas (recoñecidos polo TLR2),[3] o peptidoglicano (recoñecido polo TLR2),[3] e variantes de ácido nucleico normalmente asociados con virus, como ARNs bicatenarios, recoñecidos polo TLR3, ou motivos de CpG non metilados, recoñecidos polo TLR9.[4] Aínda que o termo "PAMP" é relativamente novo, o concepto de que as moléculas derivadas de microbios deben ser detectadas por receptores de organismos multicelulares levaba moitas décadas utilizándose, e as referencias a un "receptor de endotoxinas" encóntranse en moita literatura máis antiga.