matemático húngaro From Wikipedia, the free encyclopedia
Paul Erdős (húngaro: Erdős Pál [ɛrdøːʃ ˈpaːl], nado en Budapest o 26 de marzo de 1913[1] e finado en Varsovia o 20 de setembro de 1996 foi un matemático húngaro, considerado un dos máis prolíficos do século XX.[2] Foi coñecido tanto pola súa práctica social das matemáticas (tivo máis de 500 colaboradores) e como pola súa excéntrica vida (a revista Time describiuno como o excéntrico dos excéntricos).[3]
Erdős naceu en 1913 e foi o único fillo sobrevivente de Anna e Lajos Erdős (antes Engländer).[4] Os seus pais eran profesores de matemáticas xudeus e formaban parte dunha intensa comunidade intelectual. A fascinación de Erdos polas matemáticas iniciouse moi cedo[5] e en 1934, con vinte e un anos, recibiu un doutoramento da universidade.
Moita da familia de Erdos, incluíndo o seu pai, dúas das súas tías e dous dos seus tíos, faleceron en Budapest durante o Holocausto. A súa nai sobreviviu agochada e el vivía en América, traballando no Instituto de Estudos Avanzados de Princeton.[6]
O 20 de setembro de 1996, aos 83 anos, sufriu un infarto de miocardio e morreu mentres asistía a unha conferencia en Varsovia. Está enterrado xunto á súa nai na tumba 17A-6-29 no cemiterio da rúa Kozma en Budapest.[7]
En 1934 mudouse a Manchester como profesor invitado e en 1938 aceptou un posto na Universidade de Princeton. Nese tempo desenvolveu o costume de viaxar de campus a campus. En 1952 o servizo de inmigración dos Estados Unidos denegoulle un visado de reentrada no país por razóns que non foron explicadas. [8]
A pesar de que Hungría formaba parte do Pacto de Varsovia e tiña limitada a liberdade dos seus cidadáns para entrar e saír do país, Erdős recibiu o privilexio de poder marchar e volver en 1956. En 1963 os Estados Unidos proporcionáronlle o visado e Erdős volveu incluír as universidades dese país nas súas viaxes. Erdős abandonou voluntariamente Hungría en 1973.[9]
Erdős foi un dos autores máis prolíficos das matemáticas, cunha obra só comparable á de Leonhard Euler; Erdős publicou máis artigos, sobre todo en colaboración con outros matemáticso, mentres que Euler publicou máis páxinas, a maioría obra propia.[10] Erdős escribiu 1525 artigos matemáticos na súa vida.[11]
O seu estilo foi máis un "solucionador de problemas" que un "desenvolvedor de teorías".[12] Segundo Joel Spencer "o seu lugar no panteón matemático do século XX é motivo de controversia porque se concentrou firmemente en certos teoremas e conxecturas ao longo da súa ilustre carreira".[13] Erdős nunca gañou a medalla Fields nin escribiu con ninguén que a gañase.[14]
Entre as súas contribucións destacan o desenvolvemento da teoría de Ramsey e a aplicación do método probabilístico. Erdős atopou unha proba para o postulado de Bertrand e descubriu a primeira proba elemental para o teorema do número primo con Atle Selberg. Porén, as circunstancias que conduciron ás demostracións foron motivo de disputa entre Erdős e Selberg.[15] Erdős tamén contribuíu en campos nos que tiña pouco interese como a topoloxía, dando o primeiro exemplo de espazo totalmente inconexo que non é cero-dimensional.[16]
Durante a súa carreira, Erdős ofreceu cartos para as demostracións de problemas con solución descoñecida.[17] A cantidade ía dende os 25 dólares a varios milleiros. Considérase que hai uns miles sen pagar, aínda que non hai unha lista oficial. A oferta permanece activa a pesar da morte de Erdős, e ten a Ronald Graham como o administrador informal.[18] O problema máis coñecido é a conxectura de Collatz ou problema 3N + 1, para o que ofreceu 500 dólares.
Debido a que era un autor tan prolífico, os seus amigos crearon o número de Erdős como homenaxe. Un número de Erdős indica o grao de separación con Erdős baseado na súa colaboración con el ou con alguén que teña un número de Erdős. Hai aproximadamente 200000 matemáticos con número.[19] Debido ás súas colaboracións con matemáticos, moitos científicos doutros campos, como a física, a enxeñería, a bioloxía e a economía tamén teñen número de Erdős.[20] Mesmo o xogador de béisbol Hank Aaron pode considerarse que ten un número de Erdős de 1 porque ambos os dous autografaron a mesma bóla cando a Universidade de Emory lles concedeu un grao honorario o mesmo día.[21]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.