Pregamento de proteínas
From Wikipedia, the free encyclopedia
O pregamento de proteínas é o proceso polo cal as proteínas adquiren a súa forma ou conformación. É o proceso físico polo cal un polipéptido se prega adoptando a súa estrutura tridimensional funcional característica a partir dun enrolamento aleatorio inicial.[1] Todas as proteínas aparecen como un polipéptido non pregado ou de enrolamento ao chou cando son traducidas a partir dunha secuencia de ARNm a unha cadea liñal de aminoácidos. Este polipéptido carece dunha estrutura tridimensional desenvolvida (a imaxe da esquerda na primeira figura). Os aminoácidos interaccionan uns con outros para producir unha estrutura tridimensional ben definida, a proteína pregada (a imaxe da dereita da primeira figura), coñecida como estado nativo. A estrutura tridimensional resultante está determinada principalmente pola secuencia de aminoácidos, segundo o dogma de Anfinsen, aínda que tamén poden influír outros factores.[2] O ambiente en que está a proteína e factores externos poden afectar ao seu estado de pregamento (temperatura, pH, presenza de substancias, campos eléctricos...), e existen unhas proteínas chamadas chaperonas especializadas en axudar ao pregamento e agregación de proteínas, e tamén os prións poden afectar ao seu pregamento.
A estrutura tridimensional correcta é esencial para que a proteína funcione, aínda que algunhas partes de proteínas funcionais poden permanecer sen pregar.[3] Cando hai fallos no pregamento dunha proteína para que adopte a súa estrutura nativa, orixínanse xeralmente proteínas inactivas, pero nalgúns casos as proteínas mal pregadas teñen unha funcionalidade modificada ou tóxica. Crese que varias enfermidades neurodexenerativas e doutros tipos se orixinan pola acumulación de fibrilas amiloides formadas por proteínas mal pregadas.[4] Moitas alerxias son causadas polo pregamento das proteínas, xa que o sistema inmunitario non pode producir anticorpos para certas estruturas proteicas.[5]
O proceso contrario ao pregamento das proteínas é a desnaturalización das proteínas, na cal se desfai o pregamento e se alteran algunhas das estruturas da proteína.