O de primado é un título xerárquico cristián que reciben algúns bispos en determinadas igrexas cristiás. En función da tradición relixiosa, esta primacía pode implicar unha certa autoridade xurisdicional, ou simplemente unha preeminencia de honra.

Na Igrexa católica

Na Igrexa latina, un primado é normalmente un arcebispo (ou nalgunhas ocasións un bispo) dunha sé eclesiástica determinada, normalmente unha sé metropolitana (sé primicial) que ten precedencia sobre os bispados de unha ou varias provincias eclesiásticas dun territorio particular histórico, político, ou cultural. Historicamente, os primados destas sedes tiñan privilexios como o de convocar e presidir os sínodos dese territorio, xurisdición nos recursos aos tribunais metropolitanos, o dereito a coroar ao soberano do país, e presidir as investiduras dos arcebispos nas súas sés.[1]

O título polo xeral só existe nos países cristiáns máis antigos, e hoxe é soamente honorífico, sen prerrogativas específicas segundo o dereito canónico, coa excepción do arcebispo de Esztergom.[1] Así, por exemplo, o primado de Polonia non ten autoridade xurisdicional sobre os demais bispos poloneses nas súas sés, mais é durante munere (mentres estea no cargo) un membro do comité permanente da conferencia episcopal, e ten precedencia de honor sobre o resto de bispos por exemplo nas cerimonias litúrxicas. A Santa Sé tamén concedeu aos primados poloneses o privilexio de vestir de vermello como os cardeais, agás o solideo e o bonete.[2][3]

Algunhas das funcións que exercían os primados as exercen na actualidade os presidentes das conferencias episcopais, en concreto a presidencia das reunións dos bispos dunha nación ou rexión.[4] Este presidente normalmente é elixido pola propia conferencia, agás no caso das conferencias episcopais italiana (onde é nomeado polo Papa) e irlandesa (na que o presidente é o primado de Toda Irlanda, e o vicepresidente o primado de Irlanda). Outras antigas funcións dos primados, como a xurisdición nos recursos aos tribunais metropolitanos, foron reservadas á Santa Sé a comezos do século XX.[1] Pouco despois, polo Código de Dereito Canónico de 1917, e confirmado no de 1983, o tribunal de segunda instancia para os recursos a un tribunal metropolitano é "o tribunal que el mesmo [o metropolitano] designara de forma estable, con aprobación da sé apostólica".[5] Antes do século XX, o cargo máis similar nas igrexas orientais era o de exarca.[1]

O dereito de precedencia sobre outros bispos, porén, non é algo exclusivo dos primados: por exemplo, en 1858 a Santa Sé concedeu ao arcebispo de Baltimore precedencia nas xuntanzas dos bispos estadounidenses.[6] De forma similar, o arcebispo de Wesminster non ten recibido o título de primado, por máis que ás veces sexa así nomeado, pero o seu cargo é considerado en certo modo como de "metropolitano xefe" de Inglaterra e o País de Gales.[7][8]

Ademais do título oficial de primado, ás veces se aplica de forma inexacta ao arcebispo da capital dun país, como é o caso dos arcebispos de Seúl[9][10] ou Edimburgo.

Na Igrexa ortodoxa

Na Igrexa ortodoxa o título de primado se aplica ao bispo gobernante dunha xurisidición eclesiástica ou rexión determinada.[11] Polo xeral, se refire ao xerarca principal dalgunha das igrexas ortodoxas autocéfalas;[12][13][14] neste sentido, o primado e o primus inter pares de todos os bispos dunha xurisdición ou rexión determinada, na que ten preeminencia en honor.[15] Normalmente este primado é elixido polo Santo Sínodo, e exerce as principais tarefas de administración da Igrexa, representándoa nas súas relacións co resto de igrexas autocéfalas, coas autoridades civís, etc. Así, por exemplo, o patriarca de Moscova e o arcebispo de Atenas son, respectivamente, primados da Igrexa ortodoxa rusa e da Igrexa ortodoxa grega.[16][17]

Notas

Wikiwand in your browser!

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.

Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.