Psitaciformes
orde de aves / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os psitaciformes (nome científico Psittaciformes) son unha orde de aves na que están incluídos os papagaios, que comprende unhas 393 especies clasificadas en 92 xéneros, que se encontran na maioría das rexións tropicais e subtropicais do mundo. A orde subdivídese en tres superfamilias: os Psittacoidea ("verdadeiros" papagaios), os Cacatuoidea (cacatúas) e os Strigopoidea (papagaios de Nova Zelandia). Teñen unha distribución xeralmente pantropical con varias especies de rexións temperadas do hemisferio sur. A maior diversidade destas aves atópase en Suramérica e Australasia.
Psittaciformes Rango fósil: Eoceno-Holoceno [1] (desde hai 54 millóns de anos) | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||
| |||||||||||
Área de distribución dos psitaciformes (vermello) | |||||||||||
Superfamilias | |||||||||||
|
Entre as caracterísrticas dos psitaciformes están ter un peteiro forte e curvado, pousarse ergueitos, ter patas fortes e pés cigodáctilos con garras. Moitos psitaciformes teñen cores rechamantes e algúns están multicoloreados. A maioría presentan pouco ou ningún dimorfismo sexual no espectro visual. Son o grupo de aves con máis dferenzas en tamaño na súa lonxitude corporal. Os compoñentes máis importantes das dietas da maioría deles son as sementes, noces, froitos, gromos e outros materiais vexetais. Unhas poucas especies comen ás veces animais e prea, e os Loriini están especializados en alimentarse de néctar floral e froitos brandos. Case todos aniñan en ocos das árbores (ou en caixas de nidación en catividade), e poñen ovos brancos dos que eclosionan crías altriciais (que necesitan moitos coidados paternos).
Os psitaciformes, xunto cos córvidos, son unhas das aves máis intelixentes e a capacidade dalgunhas especies de imitaren a fala humana fíxoos moi populares como mascotas. Algúns papagaios son bastante intelixentes e reproducen a fala como un neno de catro ou cinco anos. A captura de papagaios silvestres para o comercio de mascotas, así como a caza, perda de hábitat e a competición con especies invasoras, fixeron diminuír as poboacións silvestres de moitas especies, e son un dos grupos de aves que está suxeito a unha maior explotación. Tomáronse medidas para conservar os hábitats dalgunhas das especies máis carismáticas, que axudaron a protexer á vez outras menos carismáticas que vivían nos mesmos ecosistemas.