Psoríase
doenza inflamatoria e autoinmune da pel / From Wikipedia, the free encyclopedia
A psoríase[1][2] é unha doenza autoinmune que se caracteriza por manchas anormais na pel.[3] Estas manchas na pel son polo xeral vermellas, resecas, con proído e descamación.[4] Nas persoas coa pel escura as manchas poden adquirir a cor púrpura.[5] A psoríase varía en función do seu tamaño e poden ser manchas localizadas ou estendidas por todo o corpo.[4] As lesións na pel poden desencadear cambios psoriáticos na rexión afectada, o cal é coñecido como fenómeno de Koebner.[6]
Psoríase | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Un home novo coas costas e brazos afectados polas placas da psoríase vulgar. | |
ICD-10 | L40 |
ICD-9 | 696 |
OMIM | 177900 138900 |
DiseasesDB | 10895 |
MedlinePlus | 000434 |
eMedicine | derm/365 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Existen cinco tipos principais de psoríase: vulgar, guttata, inversa, pustulosa e eritrodérmica.[3] A psoríase de placas, tamén coñecida como psoriasis vulgaris, supón arredor do 90% dos casos.[7] Preséntase polo xeral como manchas vermellas con escamas brancas na parte superior.[7] As áreas do corpo que adoitan ser as máis afectadas son a parte posterior dos antebrazos, canelas, área do embigo e o coiro cabeludo.[7] A psoríase guttata presenta lesións en forma de pinga.[3] A psoríase pustulosa presenta pequenas bóchegas non infecciosas cheas de brume.[8] A psoríase inversa forma parches vermellos nos pregos da pel.[3] A psoríase eritrodérmica ocorre cando a erupción se estende moito e pode desenvolverse a partir de calquera dos outros tipos.[7] As unllas das mans e dos pés vense afectadas na maioría das persoas con psoríase nalgún momento da súa vida.[7] Isto pode provocar manchas ou cambio de cor nas unllas.[7]
Considérase que a psoríase é unha doenza xenética que é desencadeada por factores ambientais.[4] En estudos de xemelgos, os xemelgos idénticos teñen tres veces máis de posibilidades de verse afectados en comparanza cos xemelgos non idénticos. Isto suxire que os factores xenéticos predispoñen a psoríase.[7] Os síntomas adoitan empeorar durante o inverno e con certas menciñas, como beta bloqueadores ou antiinflamatorios non-esteroides.[7] As infeccións e o estrés psicolóxico poden xogar un papel determinante na doenza.[4][3] A psoríase non é unha doenza contaxiosa.[7] O seu mecanismo subxacente implica o sistema inmunitario en reacción ás células da pel.[7] A diagnose baséase polo xeral en sinais e síntomas.[7]
Non existe cura para a psoríase mais diversos tratamentos poden axudar a controlar os síntomas.[7] Estes tratamentos inclúen cremas de esteroides, cremas de vitamina D3, luz ultravioleta e menciñas inmunosupresoras, como o metotrexato.[3] Arredor do 75% dos casos poden ser controlados só con cremas.[7] A doenza afecta entre o 2 ó 4% da poboación.[9] Os homes e as mulleres vense afecatadas por ela coa mesma frecuencia.[3] A doenza pode comezar a calquera idade, mais polo xeral comeza na idade adulta.[10] A psoríase está asociada cun incremento no risco de padecer artrite psoriásica, linfoma, unha doenza cardiovascular, o mal de Crohn e depresión.[7] A artrite psoriásica afecta ó 30% dos individuos con psoríase.[8]