Pthirus gorillae
especie de insecto / From Wikipedia, the free encyclopedia
Pthirus gorillae ou piollo do gorila é unha especie de piollo chuchador parasito que afecta aos gorilas.[1] Atópase no continente africano, onde viven os seus hóspedes, concretamente en Ruanda e República Democrática do Congo.[2] P. gorillae e P. pubis (o piollo pubiano humano chamado piollo pato) son as únicas especies coñecidas que pertencen ao xénero Pthirus, ás veces incorrectamente ortografado como Phthirus (o nome grego para piollo era phthir).[3] Suxeriuse que se transmite entre os seus hóspedes por acicalamento social, compartir leitos ao deitarse e polo contacto sexual.[4]
Pthirus gorillae | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Imaxe aumentada de Pthirus gorillae | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
|
Todas as especies de piollos chuchadores se alimentan de sangue.[5] Viven en estreita asociación cos seus hóspedes e completan todo o seu ciclo vital no hóspede.[1] Pthirus gorillae infesta as mesmas partes do corpo dos gorilas que o Pthirus pubis nos humanos,[6] pero como o gorila é máis peludo, os piollos adoitan moverse por todo o corpo.[7] Ambas as especies parécense coa excepción de que Pthirus gorillae ten ollos máis grandes situados en protuberancias laterais. É un piollo curto e ancho duns 2,20 mm de longo con patas estendidas e non máis de 20 pequenas setas abdominais.[4]
Identificouno por primeira vez a partir de espécimes de gorila das montañas en 1927 Henry Ellsworth Ewing durante unha partida de caza no que agora é a República Democrática do Congo.[4] A filoxenética molecular suxire que P. gorillae saltou dos gorilas aos primeiros humanos hai 3,3 millóns de anos e diverxeu nas dúas especies de piollos pubianos actuais.[1][8] Os investigadores teorizan que os humanos adquiriron o parasito mentres despezaban ou se alimentaban de cadáveres de gorilas, ou por durmiren nos niños ou leitos abandonados feitos polos gorilas para durmir.[9][10]
Varios piollos desta especie atopáronse durante unha necropsia no estómago dunha femia de gorila morta no Bwindi Impenetrable National Park. Probablemente estivera acicalándose antes de morrer, xa que cando se despiollan adoitan comer os piollos que atopan.[4]
O status de conservación desta especie é descoñecido. Como a súa especie hóspede está en perigo crítico, é probable que esta especie o estea tamén.