Péptido non ribosómico
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os péptidos non ribosómicos son péptidos non sintetizados nos ribosomas senón por encimas. Hai moitos péptidos non sintetizados nos ribosomas, como o antioxidante glutatión, presente na maioría dos organismos aerobios, que utilizan diversos sistemas encimáticos para a súa síntese, pero o termo "péptido non ribosómico" xeralmente se reserva, máis especificamente, a aqueles que son sintetizados por unha familia de encimas chamados péptido non ribosómico sintetases, e deles é dos que tratará este artigo. Os péptidos non ribosómicos así definidos son metabolitos secundarios, xeralmente producidos por microorganismos como bacterias e certos fungos. Tamén se encontran en organismos superiores.
As péptido non ribosómico sintetases que sintetizan os péptidos non ribosómicos, a diferenza dos ribosomas, son independentes do ARN mensaxeiro. Cada un destes encimas pode sintetizar un só tipo de péptido. Son encimas modulares; cada módulo ten varios dominios e introduce un aminoácido durante a síntese.
Os péptidos non ribosómicos a miúdo teñen estruturas cíclicas ou ramificadas, e poden conter aminoácidos non proteinoxénicos entre os cales pode haber D-aminoácidos, ou aminoácidos con modificacións como grupos N-metil e N-formil, ou están glicosilados, acilados, haloxenados, ou hidroxilados. A ciclación de aminoácidos sobre o "esqueleto" do peptido é común, e dá lugar a oxazolinas e tiazolinas, e estas poden ser despois oxidadas ou reducidas. Ás veces, prodúcese a deshidratación de serinas, orixinando deshidroalanina. Este é só un exemplo das diversas manipulacións e variacións que poden presentar os péptidos non ribosómicos. Os péptidos non ribosómicos son moitas veces dímeros ou trímeros de secuencias idénticas unidas en cadea ou cicladas, ou mesmo ramificadas.
Os péptidos non ribosómicos son unha familia moi diversa de produtos naturais cunha ampla gama de actividades biolóxicas e propiedades farmacolóxicas. Moitas son toxinas, sideróforos, ou pigmentos. Utilízanse comercialmente péptidos non ribosómicos que son antibióticos, citostáticos, e inmunosupresores.