Quiralidade
From Wikipedia, the free encyclopedia
A quiralidade, descuberta por Louis Pasteur en 1848,[1] é unha propiedade de asimetría importante en varias ramas da ciencia. A palabra quiralidade, introducida por Lord Kelvin en 1904,[1] deriva do grego χειρ (kheir), que significa 'man', un obxecto quiral familiar.
Un obxecto ou sistema é quiral se é distinguible da súa imaxe especular; é dicir, non pode ser superposto sobre ela. Inversamente, a imaxe especular dun obxecto aquiral, como unha esfera, non se pode distinguir do propio obxecto. Un obxecto quiral e a súa imaxe especular denomínanse enantiomorfos (en grego, 'formas opostas') ou, cando nos referimos a moléculas, enantiómeros. Un obxecto non quiral denomínase aquiral (por veces tamén anfiquiral) e pode ser superposto á súa imaxe especular.
O termo foi utilizado primeiramente por Lord Kelvin en 1893 na segunda Conferencia de Robert Boyle no Oxford University Junior Scientific Club, que se publicou en 1894:
Chamo a unha figura xeométrica ou grupo de puntos 'quiral', e digo que ten quiralidade se a súa imaxe nun espello plano, realizado idealmente, non se pode facer coincidir consigo mesma.[2]
As mans humanas son quizais o exemplo máis universalmente recoñecido de quiralidade. A man esquerda non se pode superpoñer á súa imaxe especular da man dereita; sen importar como orientemos as dúas mans, é imposible facer coincidir todas as principais caracterísiticas das dúas mans en todos os eixes.[3] Esta diferenza en simetría faise obvia se alguén intenta darlle a man a unha persoa se ela tende a man dereita e nós a esquerda, ou se se quere meter a man dereita nunha luva de man esquerda. En matemáticas, a quiralidade é a propiedade dunha figura que non é idéntica á súa imaxe especular. Unha molécula dise que é quiral se todas as súas valencias están ocupadas por diferentes átomos ou grupos de átomos.