Química
ciencia natural que estuda a composición, estrutura e propiedades da materia / From Wikipedia, the free encyclopedia
A química é a ciencia natural que estuda a composición, estrutura e propiedades da materia xa sexa en forma de elementos, especies, compostos, mesturas ou outras substancias, así como os cambios que estas experimentan durante as reaccións e a súa relación coa enerxía química.[1][2][3][4] Linus Pauling definiuna como a ciencia que estuda as substancias, a súa estrutura (tipos e formas de acomodo dos átomos), as súas propiedades e as reaccións que as transforman noutras substancias en referencia co tempo.[5] A química, a través dunha das súas ramas coñecida como química supramolecular, ocúpase principalmente das agrupacións supratómicas, como son os gases, as moléculas, os cristais e os metais, estudando a súa composición, propiedades estatísticas, transformacións e reaccións, aínda que a química xeral tamén inclúe a comprensión das propiedades e interaccións da materia a escala atómica.
No ámbito da súa materia, a química ocupa unha posición intermedia entre a física e a bioloxía.[6] Ás veces chámase ciencia central porque proporciona unha base para comprender tanto as disciplinas científicas básicas como as aplicadas nun nivel fundamental,[7][8] relacionándose coa física por medio da fisicoquímica, a bioloxía mediante a bioquímica, a astronomía a través da astroquímica, a xeoloxía por vía da xeoquímica, entre outras. Por exemplo, a química explica aspectos do crecemento das plantas (botánica), a formación de rochas ígneas (xeoloxía), como se forma o ozono atmosférico e como se degradan os contaminantes ambientais (ecoloxía), as propiedades do solo na Lúa (cosmoquímica), como funcionan os medicamentos (farmacoloxía) e como recoller probas de ADN nunha escena do crime (forense). A maioría dos procesos químicos pódense estudar directamente no laboratorio, usando unha serie de técnicas a miúdo ben establecidas, tanto de manipulación de materiais como de comprensión dos procesos subxacentes. Unha aproximación alternativa é a proporcionada polas técnicas de modelaxe molecular, que extraen conclusións de modelos computacionais.
A química moderna desenvolveuse a partir da alquimia, unha práctica protocientífica de carácter esotérico, pero tamén experimental, que combinaba elementos de química, física, bioloxía, metalurxia, farmacéutica, entre outras disciplinas. Esta fase termina coa revolución química, co descubrimento dos gases por Robert Boyle, a lei de conservación da materia e a teoría da combustión por osíxeno postuladas polo científico francés Antoine Lavoisier.[9] A sistematización fíxose patente coa creación da táboa periódica dos elementos e a introdución da teoría atómica, cando os investigadores desenvolveron unha comprensión fundamental dos estados da materia, os ións, as ligazóns químicas e as reaccións químicas. Desde a primeira metade do século XIX, o desenvolvemento da química comporta a aparición e expansión dunha industria química de gran relevancia na economía e na calidade de vida actuais.
As disciplinas da química agrúpanse segundo a clase de materia baixo estudo ou o tipo de estudo realizado. Entre estas atópanse a química inorgánica, que estuda a materia inorgánica; a química orgánica, que estuda a materia orgánica; a bioquímica, que estuda as substancias existentes en organismos biolóxicos; a fisicoquímica que comprende os aspectos estruturais e enerxéticos de sistemas químicos a escalas macroscópica, molecular e atómica, e a química analítica, que analiza mostras de materia e trata de entender a súa composición e estrutura mediante diversos estudos e reaccións.
Os científicos dedicados ao seu estudo son os químicos e as químicas.[10]