Radiación electromagnética
combinación de campos eléctricos e magnéticos a través do espazo que transportan enerxía / From Wikipedia, the free encyclopedia
A radiación electromagnética é unha combinación de campos eléctricos e magnéticos oscilantes e perpendiculares entre si que se propagan a través do espazo transportando enerxía dun lugar a outro. A luz visíbel é unha das partes da radiación electromagnética. A diferenza doutros tipos de onda, como o son, que necesitan dun medio material para propagarse, a radiación electromagnética pódese propagar no baleiro. No século XIX pensábase que existía unha substancia indetectable chamada éter que ocupaba o baleiro e servía de medio de propagación das ondas electromagnéticas. James Clerk Maxwell desenvolveu as súas ecuacións das que se desprende que un campo eléctrico variante no tempo xera un campo magnético e viceversa, a variación temporal do campo magnético xera un campo eléctrico. Pódese visualizar a radiación electromagnética como dous campos que se xeran mutuamente, por iso non necesitan ningún medio material para propagarse. As ecuacións de Maxwell tamén predín a velocidade de propagación no baleiro (que se representa c e ten un valor de 299.792,458 km/s), e a súa dirección de propagación (perpendicular ás oscilacións do campo eléctrico e magnético, que á súa vez son perpendiculares entre si). Heinrich Rudolf Hertz demostrouno experimentalmente en 1888.
O estudo teórico da radiación electromagnética denomínase electrodinámica e é un subcampo do electromagnetismo.
Dependendo do fenómeno estudado, a radiación electromagnética pódese considerar, no canto de como unha serie ondas, como un chorro de partículas, chamadas fotóns. Esta dualidade onda-corpúsculo fai que cada fotón teña unha enerxía proporcional á frecuencia da onda asociada, dada pola relación de Planck: , onde E é a enerxía do fotón, h é a Constante de Planck e é a frecuencia da onda.
Así mesmo, considerando a radiación electromagnética como onda, a lonxitude de onda e a frecuencia de oscilación están relacionadas por unha constante, a velocidade da luz no medio (c no baleiro):
A maior lonxitude de onda menor frecuencia (e menor enerxía segundo a relación de Plank).