Regurxitación
volta á boca do contido do estómago ou do esófago / From Wikipedia, the free encyclopedia
En fisioloxía animal, a regurxitación (do latín científico regurgitare, de re-, "atrás", e o latín eclesiástico gurgitare, "fartar", e este do latín gurges, -itis, "gorxa") refírese ao fenómeno da volta á boca do contido do estómago ou do esófago,[1][2] usualmente caracterizado pola presenza de alimentos non dixeridos ou sangue.[3]
Moitas aves regurxitan o alimento para as súas crías, e tamén algúns mamíferos, como os lobos e os raposos.[4] Certos insectos, como os dípteros da familia dos sarcofáxidos, regurxitan auga para aumentar a concentración do alimento sólido inxerido.[5]
Así mesmo, algunhas aves carnívoras regurxitan habitualmente a parte non dixeríbel das súas presas, formando unhas bólas con ósos, pel ou pelos denominadas egagrópilas.[6]
En medicina, a regurxitación é un síntoma (distinto do vómito) que se observa con frecuencia nos bebés antes dos 4 meses (debido á inmadureza do seu aparello dixestivo, que pecha o esfínter esofáxico inferior (a válvula entre o esófago e o estómago), resultante dun aumento na presión abdominal en relación coa presión do peito.[7] Nos adultos é un fenómeno anormal, é menos frecuente, que se denomina refluxo gastroesofáxico.[8]
Unha maneira de evitar a regurxitación é equilibrar a presión entre as partes abdominais e as torácicas. A forma máis sinxela de facelo é practicar un eructo voluntariamente. É tamén por esta razón pola que se fai eructar aos bebés. Posibelmemnte os adultos tamén teñeen que facelo, especialmente aqueles que sofren de hernia de hiato.
Nos adultos o refluxo gastroesofáxico, consistestente no regreso sen esforzo do contido alimentario a través do esófago até a orofarinxe, é consecuencia, entre as causas máis frecuentes, dunha enfermidade ácido-péptica, da acalasia (obstrución d esfínter gastroesofáxico por hipertrofia muscular deste), ou da incompetencia deste esfínter, que pode incluír ou non hernia hiatal, divertículo esofáxico de Zenker e obesidade extrema (por aumento da presión intrabdominal).
En nenos ou en perosas adultas con atraso mental pódese presentar este fenómeno, que adoita chamarse daquela trastorno de rumiación, que é un trastorno da alimentación do inicio da infancia e a nenez.[9]