Relixiosidade popular
From Wikipedia, the free encyclopedia
A relixiosidade popular é un concepto das ciencias sociais no ámbito relixioso, especialmente da antropoloxía da relixión, da socioloxía, a historia e outras ciencias da relixión. Ás veces empréganse de xeito intercambiábel outras expresións, como piedade popular, que de forma estrita non son totalmente equivalentes.
Identifícase coa forma en que vive a relixión o pobo en oposición terminolóxica coa "relixiosidade oficial", que é a das elites, os intelectuais e a xerarquía eclesiástica. Algunhas das manifestacións da relixiosidade popular poden ser consideradas supersticións pola relixiosidade oficial.
As diferenzas entre ambas as relixiosidades son esencialmente dúas:[1]
- A oficial considera de máxima importancia a hierofanía fundacional (a manifestación do sagrado) mentres que a popular se centra nas prácticas rituais e na forma de manter unha relación propiciatoria coas entidades sobrenaturais.
- A oficial transmítese mediante mecanismos de socialización internos das institucións relixiosas, como o recrutamento do clero, os seminarios e outras institucións de ensino relixioso regrado, que chegan a todos os niveis (catequese, escola dominical), mentres que a popular o fai no ámbito familiar e local mediante vivencias colectivas de todo tipo (tradicións populares, festividades, peregrinacións, romarías, procesións, ritos de paso, elementos da vida cotiá como a gastronomía ou indumentaria etc.).[2]